Concello de Narón
Novas
CORTES DE TRÁFICO EN VARIOS VIAIS DA ZONA URBANA NO "XXX RALLYE DE NARÓN"
O edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, anunciou que as restriccións na circulación rodada serán o venres 16 a partir das 18.00 horas
Narón, 15 de xuño de 2017. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, anunciou que mañá venres pola tarde, a partir das 18.00 horas, permanecerán pechados ao tráfico rodado varios viais da cidade debido á celebración do tramo urbán do “XXX Rallye Cidade de Narón”. Ata a finalización das probas previstas para mañá pola tarde non se poderá circular pola Rúa Rafael Bárez –no tramo comprendido entre a Rúa Eire e a Bispo Argaya-; a Bispo Argaya –entre a Rafael Bárez e a Estrada da Gándara-; a rúa María Casares; o vial Amalia Fraguela e a rúa San Xosé Obreiro –entre as rúas García Sabell e Vilar Ponte-. Así mesmo, esta proba deportiva tamén implicará desvíos na circulación nas rúas que se comunican coas anteriormente indicadas, polo que desde a Policía Local recoméndase ao público asistente que teña en conta estas restriccións para evitar posibles retencións ou atascos na zona. Desde a Concellería de Seguridade Cidadá recoméndase acudir coa suficiente antelación e buscar estacionamento fóra dos viais afectados polo paso dos vehículos que participan nesta edición do rallye. O edil de Seguridade Cidadá pediu desculpas á veciñanza polas posibles molestias que ocasionen estas medidas. Sánchez Fojo solicitou ademais a todas as persoas que acudan a ver a proba a máxima colaboración coa organización do “Rallye Cidade de Narón” e coas forzas de seguridade, atendendo ás súas indicacións, para que o evento, que congregará esta fin de semana na cidade a centos de afeccionados ao mundo do motor, se desenvolva sen incidencias.
www.naron.es