Concello de Narón
Novas
UNHAS DUAS MIL PERSOAS PARTICIPARON NAS ANDAINAS DA SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A programación desta iniciativa rematou cunha caminata polo marxe do río Xuvia e unha churrascada na Área Recreativa de Pedroso
Narón, 2 de xullo de 2017. A segunda edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós” rematou este mediodía en Pedroso cun xantar comunitario. Un total de 160 persoas participaron hoxe na camiñata que tivo lugar entre Xuvia e Pedroso, pola marxe do río, nunha xornada na que acompañou o bo tempo e que culminou cunha comida na área recreativa de Pedroso a base de churrasco, paella, café e sobremesa. O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou o éxito que tivo este programa municipal, nas dúas edicións celebradas na localidade. “Desde o goberno local queremos agradecer a tódolos participantes a súa implicación nesta iniciativa, que xa amosou con creces que é todo un éxito a nivel de asistencia”, recalcou o edil, que subliñou o feito de que “unhas duas mil persoas participaron nas andainas convocadas nesta segunda edición de “Ponte en ruta con nós”, que comezou o pasado mes de outubro”. Os roteiros programados nesta iniciativa desde outubro ata xuño permitiron aos homes e mulleres que se anotaron coñecer diferentes puntos do termo municipal naronés, pero tamén doutros concellos limítrofes, como Ferrol (Covas, Cabo Prior, Prioriño, San Xurxo); Mugardos (Castelo da Palma) e tamén da Capela (central hidroeléctrica de Caaveiro), entre outros. Desde o mes de outubro de 2016 ata xuño de 2017 programáronse desde o Padroado de Deportes de Narón, en colaboración coa empresa Arasti Barca, un total de oito andainas, tal e como recordou Romero. “Con este tipo de convocatorias apostamos por fomentar entre a cidadanía o coñecemento do noso entorno e a práctica do deporte ao aire libre, deseñando unha serie de rutas de diferente distancia e dificultade, que se van incrementando a medida que avanza o programa”, explicou o edil de Deportes. En definitiva, destacou, “trátase de promover hábitos de vida saudables e contribuír á erradicación do sedentarismo”, dous dos obxectivos do programa municipal “Ponte en ruta con nós”.
www.naron.es