Concello de Narón
Novas
O "XIV TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO" CELEBRARASE NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
O evento terá lugar o 26 de novembro e a primeira serie da competición comezará ás 14.40 horas, tal e como indicou o edil de Deportes, Román Romero
Narón, 22 de novembro de 2017. O Concello de Narón e o Club Arco Narón organizaron o “XIV Trofeo Cidade de Narón” de Tiro con Arco. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Arco Narón, Alberto López, presentaron esta mañá en rolda de prensa este evento deportivo, xunto con Montse Vilela, secretaria do clube naronés. A cita será o vindeiro sábado, día 25, no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía. Participarán nesta edición noventa e seis arqueiros de diferentes concellos galegos e tamén algún doutros municipios e incluso de países como Francia. A primeira serie da competición, que inclúe as categorías desde Benxamín ata Veteranos, dará comezo ás 14.40 horas, se ben o campo abrirase a partir das 13.15, coa recepción dos arqueiros e a revisión do material, e ás 14.30 rematarán as tandas de adestramento. Tras un descanso fixado para as 16.10, ás 16.20 comezará a segunda serie da competición e ás 18.00 servirase un refrixerio para os participantes. Finalmente desenvolveranse as tandas eliminatorias, desde as 18.30 horas, nas que se proclamarán os vencedores para, a continuación, proceder á entrega de trofeos, sobre as 20.30 horas. As noventa e seis persoas participarán en dous turnos, colocándose nas citadas instalacións deportivas un total de 25 parapetos, con catro dianas en cada un. En total repartiranse trinta e tres trofeos –para todas as categorías- e outros dous a maiores para as persoas que obteñan a maior puntuación en arco composto e arco recurvo, tal e como explicou López. O edil de Deportes de Narón animou á veciñanza a asistir a este evento, no que xogarán menores e adultos cun destacado nivel nesta práctica deportiva.
www.naron.es