Concello de Narón
Novas
O ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO O "XVI TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
As probas das diferentes categorías comezarán a disputarse ás 10.00 horas e estímase a participación dunhas catrocentas persoas, según apuntou a organización
Narón, 22 de novembro de 2017. O “XVI Trofeo de Atletismo Cidade de Narón” terá lugar o vindeiro domingo, 26 de novembro, no Estadio Municipal de Río Seco. O edil de Deportes, Román Romero; o presidente do Club de Atletismo Narón, Álvaro Valle; a secretaria da delegación ferrolá, Eva Martínez e Yolanda Fonticoba, directiva do clube naronés, presentaron esta mañá o evento no Concello. A convocatoria, na que se estima que participarán unhas 400 persoas de clubes galegos, superando a cifra do ano anterior, terá lugar entre as 10.00 e as 15.00 horas, tal e como indicaron desde o Club de Atletismo Narón. O concelleiro de Deportes subliñou o elevado número de participantes que ano tras ano rexistra este evento, ao que convidou a asistir á veciñanza de Narón e doutras localidades. O presidente do Club de Atletismo Narón explicou que a competición será desde a categoría Sub 10 ata a Máster e indicou tamén que haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada categoría. Do clube naronés participarán neste evento oitenta atletas, dos 140 que o integran na actualidade. Ao longo da xornada haberá probas de velocidade, de salto de lonxitude e de lanzamento de peso. Os representantes do Club de Atletismo Narón agradeceron a colaboración do Concello na organización desta nova edición do Trofeo de Atletismo Cidade de Narón. “Esta é a primeira competición de pista de categorías superiores que se celebra esta tempada, polo que moitos atletas participantes virán a Narón para facer marca”, destacou Eva Martínez.
www.naron.es