Concello de Narón
Novas
O "XXI TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE O 3 DE MARZO NA ENSEADA DA GÁNDARA
O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club de Remo Narón, Martín Martínez, presentaron o evento, no que participarán regatistas dunha quincena de clubes galegos
Narón, 28 de febreiro de 2018. A enseada da Gándara acollerá este sábado, día 3, a vixésimo primeira edición do Trofeo de Bateis Cidade de Narón. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club de Remo Narón, Martín Martínez, presentaron esta mañá o evento, no que participarán un total de quince clubes galegos. O edil naronés convidou a todas as persoas que disfruten desta modalidade deportiva a que se despracen este sábado á zona da Gándara para animar aos regatistas dos diferentes clubes e desexou moita sorte nesta proba ao anfitrión, o Club de Remo Narón. A organización confía en alcanzar nesta edición un récord de participación, con aproximadamente 350 persoas. Os equipos que estarán presentes nesta convocatoria serán a Agrupación Deportiva Esteirana, o Club de Remo de Ares, o C. M. Mugardos, e os clubes de remo da Puebla, Cedeira, Perillo, A Cabana, Rianxo, Cabo de Cruz, Náutico de Boiro, Celeiro, Mera, Náutico de Riveira e Muros, ademais do anfitrión, o Club de Remo Narón. A cita desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas, cun percorrido establecido de 500 metros –desde o pantalán da Gándara ata a zona da ponte das Pías- que realizarán os participantes nas diferentes categorías, contemplándose un tramo máximo de 2.000 metros. Os regatistas das modalidades Alevín e Infantil percorrerán un tramo de 500 metros; os de Cadetes, 1.500; os de Xuvenil, Senior e Veteranos, de 2.000 metros, tal e como indicou Martínez. O presidente do Club de Remo Narón agradeceu a colaboración do Concello nesta nova edición do Trofeo de Bateis Cidade de Narón e destacou que se repartirán ao final das probas un total de tres trofeos para os tres mellor clasificados da xeral por clubes. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes de Narón valorou a dedicación dos integrantes do Club de Remo Narón, destacando os seus logros deportivos nos últimos anos e felicitou ao clube pola organización desta vixésimo primeira edición do evento, “que despois de vinte anos segue reunindo na cidade a moitas afeccionadas e afeccionados a este deporte e tamén a profesionais que o practican a través de diferentes clubes localizados en numerosos concellos galegos”.
www.naron.es