Concello de Narón
Novas
UNS TRESCENTOS MOTEIROS ESTÁN XA PREINSCRITOS NA "XIII CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN"
O paseo marítimo de Xuvia acollerá do 1 ao 3 de xuño o programa deste evento, que reúne na cidade a milleiros de afeccionados ao mundo do motociclismo
Narón, 31 de maio de 2018. Preto de trescentos moteiros procedentes de diferentes comunidades autónomas están xa preinscritos na “XIII Concentración moteira Cidade de Narón”, que comeza mañá na cidade e que se prolongará na xornada do sábado e o domingo. O Concello e o Moto Club Fojeteiros organizan un ano máis este evento, que reúne en Narón a milleiros de afeccionados ao mundo do motociclismo. A convocatoria coincide coa s “VIII Xornadas de Turismo Activo”, que inclúen dúas rutas en moto pola comarca. A cita terá novamente un carácter solidario, coa habilitación dun espazo donde se recollerán tapóns de plástico para a causa “Alba, la promesa”, unha nena cunha lesión cerebral dexenerativa. As persoas interesadas en inscribirse poderán aínda facelo tanto mañá como o propio sábado en Xuvia, para asistir ás ceas, almorzos e xantar organizados, podendo realizar unha inscrición para os tres días, para o sábado pola tarde ou seleccionando por libre as comidas e ceas ás que desexe acudir. A cita abrirase mañá ás 18.00 horas no paseo marítimo de Xuvia, coa apertura das citadas inscricións e cun Mercadillo moteiro e tamén haberá un simulador de “Caballitos X-Bike”. Ás 21.30 servirase unha cea baixo a carpa instalada na zona do paseo e unha vez rematada, sobre as 22.30, comezarán os concertos dos grupos Los malditos pendejos, Black Jack e Sintrom ni Son. A programación do sábado día 2 retomarase ás 9.00 cun almorzo moteiro para, a partir das 10.00 horas abrir de novo as inscricións, o Mercadillo moteiro e o simulador de “Caballitos X-Bike”. Tamén terá lugar durante a mañá unha ruta mototurística pola comarca, que sairá de Xuvia ás 11.15 horas cara ao Castelo de Moeche e que inclúe un xantar que terá lugar na área recreativa de Souto Grande, tamén en Moeche, sobre as 14.00. Unha exhibición de minimotos (DSVK Narón) ás 16.45 e outra de Stunt, a cargo de Paulo Martinho a partir das 17.30 horas en Xuvia –nas inmediacións da escola infantil da Galiña Azul- completarán a programación desta xornada. Xa pola noite, ás 21.00 horas haberá unha cea na carpa de Xuvia, trala que se entregarán trofeos e, a continuación, sobre as 23.00 horas comezarán a repartirse as antorchas coas que a veciñanza poderá animar a Ruta das Antorchas, que sairá ás 23.30 horas de Xuvia cara á Ponte das Cabras para regresar de novo a Xuvia. Os moteiros percorrerán a estrada de Castela iluminándoa con antorchas. Unha vez no paseo de Xuvia, rematada a ruta, sobre as 00.30 horas, comezará a festa moteira con Dreamers. O domingo día 3 rematará a programación cun almorzo moteiro a partir das 10.00 horas ao que seguirá unha segunda ruta mototurística que partirá de Xuvia ás 11.30 ata o Faro de Meirás (Valdoviño) e uns pinchos no local social de Lago (Valdoviño), previos a un xantar que terá lugar baixo a carpa de Xuvia ás 14.30 e un sorteo de agasallos entre os asistentes para pechar a concentración ás 16.00 horas. O concelleiro de Deportes, Román Romero, convidou á veciñanza de Narón e doutras localidades a desfrutar esta fin de semana en Narón deste evento, “cun completo programa de actividades vencelladas ao deporte, o turismo, a gastronomía e a música a desenvolver en Xuvia e tamén nalgúns casos noutros municipios de Ferrolterra”.
www.naron.es