Novas
 
O CONCELLO E O CLUB MONTAÑA FERROL ORGANIZAN UNHA XORNADA SOBRE A MARCHA NÓRDICA
O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Montaña Ferrol, Xan Ramírez, explicaron que a cita, aberta á cidadanía en xeral, será o sábado 16 de xuño no local social do Couto
Narón, 13 de xuño de 2018. O local social do Couto acollerá o vindeiro sábado, día 16, unha xornada informativa sobre a Marcha Nórdica e unha sesión práctica sobre esta modalidade deportiva. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Montaña Ferrol, Xan Ramírez, presentaron esta mañá a convocatoria, que dará comezo ás 10.00 horas no local social do Couto, e que está aberta á participación da cidadanía. O edil naronés animou ás veciñas e veciños a acudir a esta cita, “na que poderán coñecer da man de profesionais na materia esta modalidade deportiva e todas as vantaxes que ofrece á hora de practicala”.
Cecilia García, vogal da Federación Galega de Montañismo e a fisioterapeuta Alba Graña, serán as encargadas de ofrecer aos asistentes as explicacións oportunas sobre esta técnica deportiva. Comezarán abordando esta especialidade, cunha intervención de aproximadamente media hora, para a continuación realizar unha práctica por un tramo do Camiño Inglés (os bastóns aportaráos a organización), polas inmediacións do local social do Couto, tal e como apuntou Ramírez. O presidente do Club Montaña Ferrol recalcou que na Marcha nórdica se empregan uns bastóns específicos que permiten contar cunha inclinación de 45 graos e que impulsan á hora de avanzar. “Practicamente permiten aumentar en máis do 50% a velocidade da marcha”, apuntou, ao tempo que explicou que “con esta técnica búscase a maior comodidade á hora de camiñar, porque esixe un movemento coordinado entre as pernas e os brazos”.
Entre os obxectivos deste evento, a maiores de dar a coñecer a Marcha Nórdica, está tamén o de intentar promover un programa quincenal de pequenas saídas desta modalidade deportiva pola comarca, tal e como avanzou Ramírez.
O Concello de Narón e o Club Montaña Ferrol organizan este evento, no que tamén están colaboran a Federación Galega de Montañismo e a Asociación de Veciños do Couto.



Últimas noticias
O CLUB DE GOLF CAMPOMAR ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O "XIII TORNEO DE GOLF CIDADE DE NARÓN"
O "XXV TORNEO DE BALONMÁN CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE O 2 DE XUÑO NO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA
UNS TRESCENTOS MOTEIROS ESTÁN XA PREINSCRITOS NA "XIII CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ÚLTIMA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O CONCELLO E O CLUB MONTAÑA FERROL ORGANIZAN UNHA XORNADA SOBRE A MARCHA NÓRDICA

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal