Novas
 
O CONCELLO INICIA ESTE MES AS ANDAINAS DA CUARTA EDICIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron o calendario de andainas, que se desenvolverá entre este mes e xuño de 2019
Narón, 3 de outubro de 2018. O Concello de Narón organiza unha nova edición, a cuarta, do programa municipal Ponte en ruta con nós. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron esta mañá o calendario de saídas, que se iniciará o vindeiro 28 de outubro e rematará o 30 de xuño. Tanto Ferreiro como Romero animaron ás veciñas e veciños de Narón e comarca a participar nestas andainas, e indicaron que o prazo de inscrición na primeira delas, que será unha volta á ría, abrirase mañá.
“O éxito deste programa municipal temos que agradecerllo moi especialmente a tódalas persoas que ano tras ano participan nas caminatas e tamén aos colaboradores”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa incidiu en que “con este tipo de propostas apostamos por fomentar a actividade física entre a cidadanía e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a riqueza do patrimonio da nosa cidade e tamén doutros concellos da comarca”.
A primeira das saídas será o 28 de outubro, co punto de partida no pavillón polideportivo da Gándara ás 9.45 horas. O edil de Deportes explicou que se trata dun percorrido de aproximadamente quince quilómetros, que discurrirá polo termo municipal naronés en boa parte pero tamén polos de Neda e Fene. “Sairemos do pavillón cara ao mosteiro do Couto para desde ahí dirixirnos ao paseo marítimo de Xuvia e cruzando á zona de Neda ata o paseo de San Valentín, en Fene, para atravesar a pé a ponte das Pías e regresar de novo ao pavillón da Gándara”, apuntou Romero.
As vindeiras andainas programadas, avanzaron, serán o 25 de novembro polo Río Castro e o Castelo de Narahío; o 27 de xaneiro polo Castelo da Palma e ata o mosteiro de Santa Catalina, en Mugardos e Ares, respectivamente; o 24 de febreiro pola Ruta dos Muíños, en Esmelle (Ferrol); o 31 de marzo a Ruta do Belelle (A Capela e Neda); o 28 de abril a Ruta das Praias, de Covas a Prioriño (Ferrol) e o 26 de maio a Ruta das Fragas da Ribeira (As Pontes). A maiores, ao igual que nas anteriores edicións, programouse unha andaina para pechar o programa, que terá lugar o día 30 de xuño e que rematará cunha comida de confraternidade na área recreativa de Pedroso.
O prazo de inscrición para cada unha das rutas abrirase –salvo posibles cambios ou como no caso desta primeira saída- o primeiro día hábil de cada mes no que se realiza. As persoas interesadas deben anotarse no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas. O prezo das inscricións é de tres euros, que se abonan no momento da inscrición.



Últimas noticias
MÁIS DE 250 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO SÁBADO NO XXVI TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN
ALCIA FERNÁNDEZ FRAGA, PREMIADA COMO MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN DO ANO 2018
MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPARON NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL PONTE EN RUTA CON NÓS
O CONCELLO COLABORA NO "I OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA MUNICIPAL DEPORNADAL 2018

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal