Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O SÁBADO O XV TROFEO DE TIRO CON ARCO EN SALA
En total participarán nas probas 103 arqueiros de algo máis dunha vintena de clubes de diferentes cidades
Narón, 20 de novembro de 2018. O Pavillón Campo da Serra (avenida de Santa Icía, 27) acollerá o vindeiro sábado, día 24, a décimo quinta edición do Trofeo de Tiro con arco en sala Cidade de Narón, unha cita que reunirá na cidade a un total de 103 arqueiros chegados de algo máis dunha vintena de clubes. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Alberto López e Montse Vilela presidente e secretaria, respectivamente, do Club Arco Narón. “Este ano incrementouse o nivel de participación e o público terá a oportunidade de ver un evento deportivo no que moitos naroneses e naronesas de seguro que defenderán o elevado nivel en tiro con arco desta cidade”, destacou Romero, que animou á veciñanza a asistir á cita. O evento desenvolverase en horario de mañá e tarde, a partir das 9.30 horas, coa recepción dos participantes. As probas das categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil disputaranse ao longo da mañá, con dúas quendas de competicións e a eliminatoria a partir das 12.30 horas. As correspondentes ás categorías Cadete-Junior, Senior e Veterán serán en horario de tarde, a partir das 14.30 horas, tamén con dúas quendas e coas eliminatorias a partir das 18.00 horas. Ao remate de cada unha delas procederase á entrega dos trofeos deste evento deportivo. Os participantes realizarán cada un deles dúas tandas de trinta frechas, tal e como indicaron os organizadores deste evento, que destacaron o feito de que nas categorías de menor idade que se disputarán pola mañá participan un total de 32 arqueiros e arqueiras –dos que 19 son do clube naronés-, mentres que nas da tarde participarán un total de 71 arqueiros dos diferentes clubes. A maiores do Club Arco Narón, participarán neste trofeo o Arco Ferrol, o Silex, Arqueiros de Cambre, ArcTeixo, A Frouxeira, Arqueiros do Barbanza, o Universitario A Coruña, Arco Barco, Arco Muralla, DousXSetenta, Guitiriz, Lumelar, Archers Team, entre outros. Os representantes do Club Arco Narón agradeceron a colaboración, un ano máis do Concello na organización deste evento.
www.naron.es