Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA NO "I OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN
O evento terá lugar do 30 de novembro ao 2 de decembro nas instalacións de Padel 6, no polígono de Río do Pozo
Narón, 29 de novembro de 2018. O municipio naronés acollerá esta fin de semana o primeiro torneo de padel federado de Galicia. A partir de mañá, e ata o vindeiro domingo, día 2, disputarase esta proba –sexta da Copa de España- nas instalacións de Padel 6 no polígono industrial de Río do Pozo. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá o evento deportivo acompañado polo deportista paralímpico Álvaro Illobre; Antía Rodríguez, representante de Predif Galicia (que colabora nesta convocatoria por segundo ano), e Borja Carballo, representante de P6 Narón. Un total de dez parellas participarán neste evento deportivo, algunhas delas de Narón e comarca e tamén outras procedentes da Coruña, Vigo, Valencia, Santiago, Bilbao, Madrid e Cádiz, tal e como indicou Illobre. Todos os participantes xogarán tres partidos, comezando as dúas previas mañá, de 18.00 a 21.00 horas. Na xornada do sábado disputaranse os cuartos de final e as semifinais, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 e o domingo ás 10.00 o terceiro e cuarto posto e a partir das 11.30 a final. “Esta é a segunda ocasión na que colabora o Concello con nós aínda que na primeira non era un campionato federado”, apuntou Illobre, que asegurou estar “encantado de que se celebre nesta cidade e de traer xente a esta cidade”. O concelleiro de Deportes, Román Romero, incidiu na relevancia de que esta proba se celebre en Narón e animou á veciñanza a acudir para animar aos participantes, aos que desexou moita sorte.
www.naron.es