Concello de Narón
Novas
O PROGRAMA MUNICIPAL PONTE EN RUTA CON NÓS ORGANIZA UNHA ANDAINA ENTRE O CASTELO DA PALMA E O MOSTEIRO DE SANTA CATALINA
As persoas interesadas en participar nesta ruta, que terá lugar o día 27 de xaneiro, poden anotarse no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 8 de xaneiro de 2019. O programa municipal Ponte en ruta con nós acollerá a finais deste mes, o día 27, a terceira das andainas da súa cuarta edición. A ruta discorrerá entre o Castelo da Palma, en Mugardos, ata o Mosteiro de Santa Catalina, en Ares, cun percorrido duns 14 quilómetros e dunha dificultade media. As persoas interesadas en asistir poden anotarse no pavillón polideportivo da Gándara, en horario de 9.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 de luns a xoves ou os venres de 9.00 a 13.00, abonando tres euros no momento da inscrición para os gastos do desprazamento en autobús ata o punto de inicio da andaina e o regreso á Gándara. Os camiñantes sairán ás 9.00 horas das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara, desde donde irán en autobús ata o termo municipal de Mugardos, concretamente ás inmediacións do castelo da Palma, de donde partirán camiñando cara ao mosteiro de Santa Catalina, en Ares. Nesta ruta poderanse coñecer estas dúas construcións e tamén desfrutar das vistas da ría e doutros elementos patrimoniais e naturais localizados no tramo que percorrerán a pé os participantes. Esta cuarta edición do programa iniciouse o pasado 28 de outubro, cun percorrido de volta á ría e continuou o 25 de novembro cunha ruta polo río Castro e o castelo de Narahío, no concello de San Sadurniño. A actual tempada rematará o 30 de xuño cunha camiñata e un xantar de confraternidade na área recreativa de Pedroso.
www.naron.es