Concello de Narón
Novas
O CAMPIONATO GALEGO DE TENIS DE MESA CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, Fernando Montero, presentaron esta mañá o evento
Narón, 22 de marzo de 2019. O pavillón Campo da Serra, en Santa Icía, acollerá esta fin de semana, o sábado e o domingo, o Campionato Galego de Tenis de Mesa, nas categorías alevín e sub 23. O edil de Deportes, Román Romero, e Fernando Montero, presidente do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, presentaron o evento deportivo, no que participarán quince clubes galegos e un total de 118 persoas das catro provincias galegas. O Club Tenis de Mesa Cidade de Narón organiza esta convocatoria co Club Narón Tenis de Mesa e a Federación Galega de Tenis de Mesa, contando coa colaboración do Concello. Disputaranse probas de equipos, dobres e individuais, durante todo o día. Mañá pola mañá, a partir das 9.30 horas terán lugar as probas dos equipos alevíns (cuartos de final) e as fases clasificatorias de individual e dobres da categoría sub 23. Pola tarde, desde as 16.00 horas será o turno das rondas finais, de equipos e as de individuais e dobres. Na xornada do domingo pola mañá,tamén ás 9.30 horas comezarán as probas de equipo da categoría sub 23 e os grupos preliminares de individuais e dobres de alevíns. A partir das 18.00 horas será a final de equipos e ás 19.00 as de dobres e individuais. Montero explicou, en canto á participación, que Narón volve a rexistrar a “máis elevada de tódolos clubes participantes, con 26 inscricións, o que supón un total de vinte xogadores da categoría alevín e seis da sub 23”. Destacou tamén a participación da categoría alevín, “ao ser a primeira vez na que se cubriron os cupos de participación establecidos pola Federación Galega para esta competición en todas as probas”. O presidente do clube naronés valorou a colaboración dos comercios locais e tamén do Concello de Narón, neste último caso, apuntou, “por estar entendendo a nosa forma de traballar, apostando polo deporte tamén a nivel formativo e non como administracións que noutros casos só apoian á élite deportiva”. O clube naronés conta nas súas escolas cuns seseta alumnos e alumnas, dos que actualmente trinta compiten a nivel galego e vinte a nivel nacional, según explicou Montero. Pola súa parte, Romero felicitou a clube naronés polos éxitos que acada nas diferentes competicións nas que participa e desexoulles moita sorte no campionato desta fin de semana, convidando á cidadanía a acudir tamén como público a este evento deportivo, con entrada de balde.
www.naron.es