Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN MUNICIPAL DA GÁNDARA ACOLLERÁ O "XXVI TORNEO DE BALONMÁN CIDADE DE NARÓN"
A cita, organizada polo Club Balonmán Narón en colaboración co Concello, será o sábado 8 de xuño
Narón, 6 de xuño de 2019. O concelleiro en funcións de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club Balonmán Narón, Rubén Fernández, presentaron esta mañá a vixésimo sexta edición do Torneo de Balonmán Cidade de Narón. Este evento deportivo, con entrada de balde, celebrarase o vindeiro sábado, día 8, no pavillón municipal da Gándara, tal e como indicou Romero. Nesta edición do torneo participarán os clubes de balonmán: Narón Grupo Capela, Atlántico e Línea 21 (da Coruña), Veretanos del Tirso (Ferrol) e Veteranas Ferrolterra. A partir das 10.00 horas disputaranse os partidos das equipas de base (alevín mixto e infantil masculiño), ás 18.00 horas será o turno das senior femininas e ás 19.30 das senior masculinas. Entre as 16.00 e as 18.00 horas aproximadamente, a pista quedará libre para que os nenos dos clubes xoguen e realicen actividades, tal e como se indicou dende a organización. A maiores do torneo tamén se presentaron as Xornadas de portas abertas que durante todo este mes impulsa o Club Balonmán Narón. Dirixidas a nenos e nenas a partir de 4 anos, e co obxectivo de ampliar as equipas alevín mixto e infantil masculino e tamén de facer unha equipa xuvenil masculino e comezar a formar un grupo dende os 4 anos, convócanse estas xornadas, tal e como indicou Rubén Fernández. A cita é cada martes, de 19.00 a 20.00 horas no pavillón da Solaina e os venres de 16.00 a 17.00 horas no da Gándara. As persoas interesadas en recibir máis información ao respecto poden contactar co citado clube local chamando ao número de teléfono 689 045 233. O presidente do Club Balonmán Narón agradeceu o respaldo do Concello para organizar un ano máis na cidade este torneo deportivo. Pola súa banda, o concelleiro en funcións de Deportes destacou o traballo que realiza este clube local, cuns setenta deportistas federados na actualidade e arredor de 150 socios e socias. “Quero animar ás nosas veciñas e veciños a que acudan ao torneo para ver o gran traballo que se realiza no deporte en xeral na nosa cidade e no balonmán en particular, e tamén a que coñezan polo miúdo o clube a través desas xornadas de portas abertas este mes de xuño”, asegurou Romero, que desexou sorte ao equipo local este sábado.
www.naron.es