Concello de Narón
Novas
O CONCELLO MANTÉN ABERTO ATA O 5 DE XULLO O PRAZO PARA SOLICITAR O ALUGUEIRO PARA USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
As instancias poden recollerse no complexo polideportivo da Gándara e deben entregarse no Rexistro do Concello
Narón, 20 de xuño de 2019. O Concello de Narón mantén aberto ata o vindeiro 5 de xullo o prazo para solicitar o alugueiro para uso de instalacións deportivas municipais na tempada 2019-2020. Poderanse utilizar para adestramentos e partidos oficiais: o complexo polideportivo municipal da Gándara, os pavillóns das Lagoas, Campo da Serra, A Solaina, Piñeiros, Castro, Sedes, O Val, o pavillón da Mocidade (A Gándara) e tamén o ximnasio do complexo polideportivo municipal da Gándara, o estadio de Río Seco, os campos de herba artificial do Val e do Cadaval e as pistas de atletismo, así como os campos de fútbol de San Mateo e Santa Icía. Á hora de realizar a tramitación deberá presentarse unha solicitude para cada unha das instalacións deportivas que se queiran utilizar, en caso de ser máis dunha. A partir do mes de setembro poderán comezar a facer uso das mesmas, se ben os días de inicio poden ser diferentes en cada unha delas en función da súa dispoñibilidade. Os clubes ou entidades deportivas que asinen convenios co Concello, tamén será preciso que realicen os trámites correspondentes ao alugueiro para utilizar estas instalacións, podendo manter os horarios nos que as utilizaron durante a tempada 2018-2019 ou pedir cambios no caso de que o consideren oportuno. Os impresos para solicitar o uso das citadas instalacións poden solicitarse no complexo polideportivo da Gándara –de luns a venres en horario de 9.00 a 13.00- e deben entregarse no Rexistro do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00 horas.
www.naron.es