Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "VIII CAMPUS DE VERÁN BALONCESTO NARÓN"
A Agrupación Deportiva do colexio Santiago Apóstol organiza esta iniciativa deportiva e lúdica dirixida a nenas e nenos en colaboración co Concello
Narón, 20 de agosto de 2019. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá a oitava edición do Campus de verán Baloncesto Narón, organizado pola Agrupación Deportiva Santiago Apóstol e no que colabora o Concello. O presidente da entidade deportiva Baloncesto Narón, Miguel Piñeiro, e o coordinador deportivo, Pablo Fuertes, deron a coñecer a convocatoria, que se desenvolverá do 26 ao 30 de agosto nas instalacións do pavillón polideportivo de Campo da Serra e no pavillón da Solaina, en función da idade dos participantes. En total ofértanse sesenta prazas, se ben teñen prioridade os menores do Club Baloncesto Narón, podendo inscribirse os interesados –ata esgotar as prazas- ata o vindeiro venres, día 23, a través dos teléfonos 687 812 776 e 610 659 667. Esta proposta deportiva e lúdica, tal e como recalcaron dende a organización, diríxese a nenas e nenos de entre 5 e 18 anos e desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas, un período no que haberá tempo para o xogo, a diversión e tamén para os concursos, según avanzaron. “Trátase de que os participantes se divirtan, se relacionen entre eles coñecendo tamén a nenas e nenos doutros clubs e, no caso dos que xa xogan habitualmente ao baloncesto, serviralles como pretempada e aos que non animarémolos a que practiquen este deporte”, explicou Fuertes. Un total de seis monitores titulados acompañarán en todo momento aos nenos e nenas durante o desenvolvemento deste campus. O concelleiro de Deportes naronés, José Oreona, felicitou ao Club Baloncesto Narón por organizar un ano máis esta convocatoria e promocionar o deporte na cidade. O edil animou aos nenos e nenas da cidade a inscribirse nesta proposta lúdica e deportiva convocada un ano máis coincidindo coa tempada de vacacións escolares.
www.naron.es