Novas
 
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "VI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL CIDADE DE NARÓN "NARÓN-FREIXO"
Os partidos da categoría alevín disputaranse o vindeiro sábado, día 7, e os da benxamín o 14 de setembro no Estadio Municipal de Río Seco
Narón, 2 de setembro de 2019. O Estadio Municipal de Río Seco acollerá a sexta edición do Torneo Internacional de fútbol Cidade de Narón “Narón-Freixo”. O concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente a Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”; Juan Rey; Rafael Pazos, vicepresidente primeiro da entidade, e Juan Carlos Vázquez, coordinador do evento, presentaron esta mañá o torneo, no que participarán un total de trinta e seis equipos de vinte e un clubs. Os primeiros partidos que se disputarán serán os da categoría alevín, este sábado día 7 a partir das 9.00 horas e a segunda cita, tal e como explicou Oreona, será o vindeiro sábado, día 14, coa categoría Benxamín, tamén a partir das 9.00 horas. A entrada ao recinto terá un custe de cinco euros, cantidade coa que se sufragarán os gastos de manutención dos participantes neste evento deportivo, se ben haberá un servizo de cátering a prezos populares para as persoas que acudan a ver os partidos.
Os partidos terán lugar en dous campos de herba natural, cunhas dimensións de 60x40 metros. Na categoría Alevín do vindeiro sábado participarán os equipos: Vitória de Guimarães, Cultural Leonesa A, Racing de Ferrol, Ural C.F., Rápido de Bouzas, Sporting de Braga, Cultural Leonesa B, Altético Coruña, Xuventude de Oroso, C.D. Lugo, Deportivo da Coruña, Conxo Santiago, Narón-Freixo A, Escola Luis Calvo Sanz, C.D. Quirinal, Celta de Vigo, C.D. Calasanz, Rápido de Neda, Victoria C.F. e U.D. Ourense. Os partidos dos alevíns terán unha duración de 20 minutos nun único tempo e a final será a dous tempos de 15 minutos cun descanso de 5 minutos, tal e como se indicou dende a organización. Dous clubs portugueses marcan o carácter internacional deste torneo, xogando por primeiro ano o Sporting de Braga e repetindo o Vitória de Guimarães, dous clubs que están na Europa League, cunha importante traxectoria euroepa tal e como explicou Vázquez.
Na categoría Benxamín, con clubs rexionais, xogarán a vindeira semana os equipos: Victoria C.F., Racing de Ferrol, Deportivo da Coruña, Narón-Freixo, Ural C.F., Sarriana, Rápido de Bouzas, C.D. Lugo B, Xuventude de Oroso, C.D. Lugo, C.D. Calasanz, C.D. Quirinal, Celta de Vigo, Galicia de Caranza, Altético Coruña e Escola Luis Calvo Sanz. En canto á duración destes partidos, será de 15 minutos nun único tempo e a final será de dous tempos de 15 minutos cun descanso de 10 minutos. En canto ao formato dos partidos, Juan Carlos Vázquez explicou que se apostou por un máis novidoso, que garante un mínimo de seis partidos na categoría alevín e oito na de benxamín e tamén haberá novidades no control do tempo, levándose a cronometraxe dende a mesa central do torneo. A entrega de premios será o día 7 ás 22.30 horas e o día 14 ás 21.30 horas, según prevé a organización. Entregaranse catro trofeos aos catro primeiros clasificados en cada categoría, agasallos personalizados para os menores e tamén un premio á mellor afición que se concederá de xeito aleatorio a medida que se vaian disputanto os partidos.
Rafael Pazos indicou que o club conta con reunir neste torneo a unhas 2.000 persoas no Estadio Municipal de Río Seco e agradeceu a colaboración do Concello na organización e tamén os traballos de acondicionamento que se están levando a cabo en Río Seco.
O concelleiro de Deportes, José Oreona, destacou o labor que desenvolve na cidade a Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”, así como os éxitos dos seus equipos. O vindeiro venres, día 6, ás 18.00 horas, o Narón- Freixo xogará o primeiro partido da Liga galega infantil co Racing de Ferrol. “Sodes un club de referencia na nosa cidade e fóra dela e dende o Concello continuaremos apostando e colaborando en eventos como este torneo internacional”, asegurou Oreona.



Últimas noticias
O CONCELLEIRO DE DEPORTES DESPRAZOUSE AO ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO CON MOTIVO DAS OLIMPÍADAS CONFURCO 2019
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "VI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL CIDADE DE NARÓN "NARÓN-FREIXO"
O CONCELLO COLABORA CO CLUB NHD ADVENTURE NA ORGANIZACIÓN DA "II QUEDADA NHD ADVENTURE"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "II OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN"
ALGO MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "X CAMPIONATO DE TENIS DE MESA POLA SAÚDE MENTAL"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal