Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON ENTIDADES DEPORTIVAS DA CIDADE POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 196.000 EUROS
Marián Ferreiro rubricou os acordos cos presidentes de clubs naroneses, aos que comprometeu o apoio do goberno local
Narón, 18 de outubro de 2019. O Concello de Narón renovou hoxe os convenios de colaboración con oito entidades deportivas da cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou os acordos xunto cos presidentes do Club Atletismo Narón, Plácido Vicente Armada; Club Deportivo Narón, Xoán Manuel Ramos; Agrupación Deportiva Santiago Apóstol, Miguel Piñeiro; Agrupación Deportiva Náutico Narón, Amando Guerrero; Club Atletismo Narón, Miguel Soto; Sociedade Deportiva O Val, Antonio López e Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, se ben non puido acudir hoxe á convocatoria o presidente do Club Piragüismo Narón, Eduardo Lourido. En conxunto, o Concello destinará unha partida de 196.000 euros para continuar promocionando o deporte na cidade a través dos citados clubs. A finalidade dos acordos rubricados esta mañá é “fomentar e potenciar a práctica deportiva na nosa cidade, nas diferentes categorías”, tal e como destacou a alcaldesa. Así mesmo, Ferreiro agradeceu aos presidentes dos clubs “o traballo que realizades durante todo o ano para que os nosos veciños e veciñas poidan contar cun variado tecido deportivo, de gran calidade e con propostas para persoas de tódalas idades”.
www.naron.es