Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO "XXXIV MEMORIAL ADOLFO ROS-VOLTA Á RÍA"
A alcaldes da cidade, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada polo edil de Deportes de Narón, José Oreona, e as concelleiras de Deportes de Neda, Ángeles Puentes, e Fene, Tamara Miragaya
Narón, 20 de novembro de 2019. O Concello de Narón acolleu esta mañá a presentación da trixésimo cuarta edición da Carreira Popular Volta á Ría-Memorial “Adolfo Ros”. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, e as edís de Deportes de Neda e Fene, Ángela Puentes e Tamara Miragaya, respectivamente, estiveron presentes no acto. A carreira terá lugar o vindeiro 1 de decembro con saída programada ás 10.00 horas. Este evento deportivo organízase en colaboración cos concellos de Fene, Ferrol e Neda. As inscricións poden formalizarse, tal e como recordou Ferreiro, ata o vindeiro mércores, día 27 ás 23.59 horas, a través da web: www.ranckr.com. A proba está incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo e está aberta á participación de todos os atletas, federados ou non. O punto de saída desta carreira popular será na estrada de Castela, nas inmediacións da Praza de Galicia e o percorrido será de media maratón, vinte e un quilómetros aproximadamente sobre asfalto, polos concellos de Narón, Neda, Fene e Ferrol. Na media maratón poderán participar as persoas nadas no ano 2001 e anteriores e para as categorías de menor idade estableceranse tramos de menor distancia. No caso da Sub 8 o percorrido será de 800 metros –con saída ás 10.45 horas-; a Sub 10 de 1000 metros –saída ás 10.35 horas-; de Sub 14 e Sub 12 de 2.000 metros –saída ás 10.20- e de Sub 18 e Sub 16 de 4.000 metros –saída ás 10.05 horas-. O percorrido da carreira absoluta sairá das inmediacións da Praza de Galicia en dirección Neda para, a continuación ir pola Ponte de Xuvia, avenida de Xuvia e avenida de Algeciras cara ao Puntal. Dende ahí, pasará pola avenida de Conces, o Cruce da igrexa e a avenida das Pías, en Fene para chegar a Ferrol e ir cara á avenida do Mar e por Rúa Telleiras, estrada de Caranza, Irmandiños, Concepción Arenal e outros viais do municipio veciño para dirixirse á estrada de Castela e entrar de novo en Narón pola Ponte das Cabras ata as inmediacións da Praza de Galicia, na liña de meta. Unha vez rematada a proba publicaranse as clasificacións na web da entidade cronometradora e repartiranse os trofeos para o gañador e gañadora absolutos da proba; para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da clasificación xeral da proba absoluta residentes en calquera dos catro concellos que coorganizan o evento, e para os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina, tanto absoluta como de menores. O acto de entrega dos premios terá lugar ás 13.00 horas no Auditorio municipal, na Praza de Galicia, debendo estar os premiados e premiadas no lugar indicado dez minutos antes do inicio do acto. Os participantes disporán de servizo de duchas no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro (rúa Manuel Antonio, 9) e no complexo polideportivo municipal da Gándara (estrada da Gándara, 148). Marián Ferreiro valorou un ano máis o traballo realizado para coorganizar entre os catro concellos este evento deportivo e recordou a figura de Adolfo Ros, deportista falecido aos 30 anos cando tentou salvar a vida a un grupo de menores arrastrados polo mar na praia ferrolá de Doniños no ano 1985. A alcaldesa da cidade animou ás persoas interesadas a inscribirse nesta proba que, un ano máis, indicou, apunta a un novo éxito en canto á participación. O vindeiro ano o concello organizador do evento será Neda, tal e como indicou a concelleira responsable da área no citado municipio, Ágeles Puentes, que xunto con Tamara Miragaya, edil fenesa, destacou tamén a colaboración entre os catro concellos da ría.
www.naron.es