Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA NO "I TORNEO DE FÚTBOL SALA FEMININO BASE JOSÉ VEIGA" ORGANIZADO POLO CLUB "A FERVENZA"
O Concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente do club José Veiga, presentaron hoxe a cita deportiva que terá lugar o vindeiro 4 de xaneiro
Narón, 30 de decembro de 2019. O concelleiro de Deportes, José Oerona, e o presidente do club “A Fervenza” Fútbol Sala Ferrolterra, José Ángel Veiga, presentaron esta mañá a primeira edición do “Torneo de Fútbol Sala Feminino base José Veiga Narón 2020”. A cita será o vindeiro sábado, día 4, no pavillón municipal das Lagoas, a partir das 09.00 horas e durante todo o día, estando prevista a entrega de premios para as 21.30 horas. No torneo disputarán a categoría alevín o equipo anfitrión, A Fervenza F.S.F.; Viaxes Amarelle F.S.F, de Santa Comba, o F.S. Ribeira e Lago Sport, de As Pontes; mentres que na infantil xogarán tamén o anfitrión, “A Fervenza”, o Fútbol Sala Ribeira; a Escola Futsal Morrazo; o Club Deportivo Burela Fútbol Sala, tal e como indicou Oreona. José Ángel Veiga, “El abuelo”, fundador e actual presidente de “A Fervenza” F.S.F. ten na actualidade 70 anos. Comezou adestrando a un equipo feminino do Parrulo (Ferrol) a un grupo mixto do que formaban parte sete nenas no ano 2006, e no 2007 fundou “A Fervenza” e, tal e como indica, creou o escudo do equipo, actualmente en vigor. “É a miña paixón e tamén a paixón das rapazas e dos seus pais e nais”, asegurou, recordando que “en doce anos levamos a doce rapazas á Selección Española de Fútbol Sala”. O club “A Fervenza” conta actualmente con 87 rapazas, as de menor idade de tres anos. Veiga destacou a colaboración e implicación do concello naronés co deporte e, en particular, co feminino, destacando o apoio e as facilidades prestadas para celebrar este torneo na cidade. O concelleiro de Deportes de Narón destacou a traxectoria do club “A Fervenza” e tamén o traballo que durante todos estes anos desenvolveu José Veiga”. “Unha persoa apaixoada do mundo do deporte, que aínda hoxe en día continúa na primeira liña e traballando arreo con este club e co deporte en xeral”, subliñou Oreona. O edil animou á veciñanza a desprazarse o vindeiro sábado ao pavillón municipal das Lagoas para ver este torneo ao que desexou “moitas máis edicións, que de seguro virán”.
www.naron.es