Concello de Narón
Novas
O CONCELLO DESTINA UNS 80.000 EUROS A ACTUACIÓNS DE MELLORA DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E Á CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA DE TIRO CON ARCO NO POLÍGONO DE RÍO DO POZO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a importancia dos investimentos proxectados para mellorar a calidade das instalacións e incrementar a oferta
Narón, 11 de maio de 2020. O Concello de Narón destina unha partida de preto de 80.000 euros a varias actuacións de mellora das instalacións deportivas da cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou ao respecto que “da partida conxunta deste investimento na área de Deportes, algúns traballos xa se remataron, mentres que outros están en execución debido a que se paralizaron varios días pola crise da Covid-19 ou están adxudicados e o seu inicio é inminente”. Dúas das obras que suporán un maior desembolso económico ás arcas locais están pendientes de execución. O acondicionamento dunha parcela no polígono de Río do Pozo para construír unha pista de tiro con arco é unha delas. A obra está orzamentada en 27.785 euros e este mesmo venres, día 15, rematará o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en levar a cabo a actuación, tal e como apuntou Ferreiro. Así mesmo, avanzou a alcaldesa, “está previsto iniciar esta mesma semana os traballos de reforzo do muro do Estadio de Río Seco, unha intervención que suporá tamén un importante investimento, de 17.973 euros”. Nestas mesmas instalacións deportivas proxectáronse outras obras de menor importe, como a reforma de iluminación das gradas, o pintado da barandilla perimetral e a reparación e o saneado de soportes das vallas de salto, cun investimento conxunto duns 8.400 euros. A subministración e realización de traballos para o control da lexionela neste estadio, xa realizados, no Campo da Serra e no Pavillón das Lagoas (donde ese están realizando) supuxo un investimento a maiores duns 1.700 euros. No complexo polideportivo municipal da Gándara adquiriuse material para pintar en diferentes espazos, como as barandillas de acceso ás gradas e oficinas, zonas de estacionamento, vestiarios… e tamén se realizaron reparacións na sala de máquinas. No mesmo barrio da Gándara, procederase a reparar o canalón do Pavillón da Mocidade. Estas dúas intervencións supoñen un investimento duns 8.900 euros. A maiores, na área de proxectouse a reparación do canalón do pavillón de Campo da Serra, o incremento da potencia no campo de fútbol de herba artificial do Val, a reparación e saneamento de pódiums para a entrega de trofeos; a reparación da cuberta do campo de fútbol de Santa Icía e o pintado de paredes e liñas da pista no pavillón da Solaina. Este lote de actuacións orzamentouse en preto de 13.000 euros. “Todas estas actuacións que realizamos ou están en proceso de execución permitirannos mellorar considerablemente as instalacións existentes e tamén ampliar a oferta de servizos deportivos ás nosas veciñas e veciños, como é o caso da pista de tiro con arco que dentro de pouco será unha realidade en Río do Pozo”, subliñou Ferreiro.
www.naron.es