Concello de Narón
Novas
A PISCINA MUNICIPAL DA GÁNDARA REABRIU ESTA MAÑÁ AO PÚBLICO PARA O NADO LIBRE CON CITA PREVIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu na importancia de cumprir todas as medidas sanitarias e as indicacións do persoal para garantir a seguridade
Narón, 9 de xuño de 2020. A piscina municipal da Gándara reabriu a primeira hora da mañá ao público para aquelas persoas que solicitaron cita previa, modalidade a través da que dende hoxe se poden utilizar as citadas instalacións. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que ao longo da mañá fixeron uso da piscina un total de doce persoas e recordou que se poden realizar reservas –dun día para outro e máximo dúas por persoa e semana- chamando aos teléfonos 981 337 700 (extensión 2503) ou 981 111 025 (extensión 7) de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.30. As instalacións están operativas para o baño libre de luns a sábado en horario de mañá, de 7.45 a 8.25; de 9.00 a 9.40; de 1015 a 10.55; de 11.30 a 12.10 e de 12.45 a 13.30 e de luns a venres de 16.00 a 16.40 en horario de tarde, reservándose o resto de horarios do serán para o adestramento de entidades deportivas. “Os turnos que se estableceron para o nado libre reducíronse como consecuencia da Covid-19, polo que en lugar de 45 minutos como era habitual son de 40 minutos, co fin de que as usuarias e usuarios non se concentren nas instalacións”, explicou Ferreiro. Así mesmo, para cumprir as recomendacións en materia de hixiene, despois de cada un dos turnos entra un equipo de limpeza para garantir as medidas sanitarias decretadas polas autoridades e pertinentes para este tipo de instalacións e servizos. Dende o Concello procedeuse ademais a establecer unha serie de normativas –que se poden ler na cartelería colocada nas instalacións- para o uso tanto dos vestiarios como da propia piscina. En canto aos vestiarios, según recordou Ferreiro, “non se poden utilizar as duchas nin enchufes ou secadores, polo que se reforzaron as duchas ubicadas na zona da praia da piscina”. Así mesmo, unha parte das taquillas está inhabilitada e recomendase levar posta a roupa a utilizar no adestramento. Como norma xeral, os usuarios e usuarias das instalacións deben levar máscarilla, hixienizar as mans á entrada, utilizar un felpudo con hidroxel colocado tamén á entrada e atender a todas as indicacións do persoal e as establecidas para realizar o percorrido de acceso e saída, así como as correspondentes ao uso dos asentos dispoñibles mantendo en todo momento a distancia de seguridade. En canto ao resto de instalacións municipais a alcaldesa recordou que se reabrirán a medida que o soliciten as entidades que habitualmente as utilizan para os seus adestramentos. “Reabrimos as instalacións cunha serie de restricións que poden ocasionar certas molestias, pero que son precisas nestes momentos para garantir a seguridade das usuarias e usuarios e tamén do persoal”, recalcou a alcaldesa.
www.naron.es