Concello de Narón
Novas
O PADROADO DE DEPORTES RETOMARÁ ESTE XOVES VARIOS CURSOS E ACTIVIDADES DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
O edil de Deportes, José Oreona, avanzou que para poder utilizar dende outubro o vaso terapéutico será preciso solicitar cita previa para garantir as medidas sanitarias
Narón, 29 de setembro de 2020. O vindeiro xoves, 1 de outubro, retomaranse varias actividades no complexo polideportivo municipal da Gándara. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, José Oreona, que indicou que comezarán natación para bebés, matronatación, ioga, pilates, ximnasia de mantemento, musculación, a actividade de baño libre no vaso terapéutico e as escolas deportivas municipais de tenis de mesa, remo e xadrez. En canto ao baño libre no vaso terapéutico, Oreona explicou que ao igual que sucede no da piscina polivalente, é preciso concertar cita previa, co fin de garantir as medidas sanitarias e de aforo establecidas para as citadas instalacións en prevención da Covid-19. Nas actividades de natación que se retoman no complexo polideportivo da Gándara o edil asegurou que se poden utilizar os vestiarios pero non as duchas ubicadas no interior dos mesmos, podendo facer uso o persoal das duchas que se localizan na praia da piscina polivalente. En canto ás actividades de ioga, pilates, ximnasia de mantemento e musculación non se poderán utilizar os vestiarios, sendo obrigatorio que as persoas que acudan ás mesmas leven xa posta a roupa que empregan para a realización das mesmas. Para estas modalidades si se poderán utilizar as taquillas localizadas no andar de acceso aos vestiarios da piscina para gardar a indumentaria que non precisen para realizar as actividades, recomendándose que garden esa indumentaria no interior dunha bolsa antes de deixalo nas taquillas, tal e como explicou Oreona. Finalmente, o 8 de outubro está previsto o inicio dos cursos de iniciación e perfeccionamento de natación para nenas e nenos e tamén os correspondentes a adultos. As persoas que desexen recibir máis información poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 2503).
www.naron.es