Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINOU UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO PRESIDENTE DO CLUB DE PIRAGÜISMO NARÓN
Marián Ferreiro recordou que a través deste acordo se continuará fomentando a práctica do piragüismo na cidade, dende as categorías base ata as senior
Narón, 19 de novembro de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou co presidente do Club de Piragüismo Narón, Eduardo Lourido, un convenio de colaboración para continuar fomentando na cidade esta actividade e, ao tempo, fomentar a participación dos integrantes do club en campionatos da citada especialidade deportiva. O importe do acordo rubricado é de 8.000 euros, tal e como indicou a rexedora local. “O convenio permitirá que se continúe fomentando coa colaboración do Concello a práctica do piragüismo dende as categorías base ata as sénior, polo que o club encargarase de realizar, coordinar e promocionar as actividades relacionadas con este deporte, así como desenvolvelas”, apuntou Ferreiro. Así mesmo, a entidade colaborará co Consistorio na organización de eventos vencellados a esta actividade. A alcaldesa felicitou á directiva e aos deportistas do citado clube naronés polos logros acadados e desexoulles moitos éxitos na actual tempada, valorando o feito de que representen a Narón tanto nesta cidade como noutras ás que se desprazan para participar en diferentes campionatos.
www.naron.es