Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A FINAL DA "XXIX COPA GALICIA MASCULINA DE FÚTBOL SALA"
O evento, que se retransmitirá en directo pola canle da TVG-2, presentouse esta mañá no Concello naronés
Narón, 4 de xaneiro de 2021. O pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerá este sábado, día 9 -ás 17.00 horas- a final da “XXIX Copa Galicia masculina de fútbol sala”. Así o anunciou o alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, que presentou o evento acompañado polo concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; a presidenta do Club Cidade de Narón, Almudena Fariña, e o presidente do Club Narón O Freixo, Rafael Pazos, colaboradores neste evento. O Club Deportivo Burela Pescados Rubén e o Noia Portus Apostoli Fútbol Sala disputarán a final nun evento que se retransmitirá en directo pola TVG-2 e que terá un aforo limitado. Sáchez Fojo recalcou que para o Concello de Narón “é un orgullo poder celebrar esta final na Gándara” e agradeceu o esforzo do Cidade de Narón e do Narón o Freixo para poder desenvolver esta convocatoria na cidade. O presidente da RFGF agradeceu tamén o labor dos dous equipos locais implicados neste evento e destacou que este ano disputarán a copa “dous equipos de referencia e cunha gran traxectoria”, recordando ao respecto que o Burela Pescados Rubén acadou a Copa da Raíña Feminina en Málaga hai tan só uns días e o traballo que leva realizando nos últimos anos o Noia Portus Apostoli. Louzán agradeceu que “todo fosen facilidades, non só agora, senón sempre, para que dende o Concello unha vez máis e nestes momentos tan complicados puidésemos organizar este evento” e amosou a súa confianza en que resulte “todo un éxito” e en poder continuar programando máis eventos co Consistorio naronés. En canto ao aforo está previsto para unhas duascentas persoas, mantendo as separacións oportunas marcadas pola actual situación sanitaria, con controis de temperatura no acceso e recollida de datos persoais no momento de acceder ao recinto. Na convocatoria, que rematou cunha entrega dun agasallo institucional, estiveron tamén presentes o vicepresidente e o delegado en Ferrolterra da RFGF, Pablo Prieto e Abraham Yáñez, respectivamente, unha xogadora e dous xogadores vestidos coa equipación dos dous partidos que disputarán a final do sábado e da Comisión de árbitros de fútbol sala. As entradas poden reservarse previamente dende hoxe a través do correo electrónico: futsal@cidadedenaron.eu, facilitando a maiores do número das que se desexan, un nome, apelidos, número de DNI e teléfono de contacto e tamén se poderán adquirir na billeteira do Pavillón polideportivo da Gándara o propio día do partido, no caso de que non se completase previamente o aforo. O prezo é de 5 euros para os menores de 14 anos e de 10 euros para os adultos.
www.naron.es