As medidas permiten adaptarse ás últimas normas recollidas no Diario Oficial de Galicia de onte con motivo das novas restricións a nivel autonómico Narón, 27 de xaneiro de 2021. O Padroado de Deportes aplica dende hoxe unha reestructuración sobre o uso das instalacións deportivas municipais para adaptalo ás medidas recollidas no Diario Oficial de Galicia publicado onte á noite con motivo das novas restricións pola Covid-19. Atendendo a esas indicacións que estarán en vigor durante as tres vindeiras semanas en toda a Comunidade autónoma, os clubs que teñan federados/as inscritos en competicións nacionais xa calendadas poderán facer uso das instalacións municipais co debido xustificante da Federación correspondente.
Dende o Padroado de Deportes elaboráronse unha serie de normas para garantir a continuidade do traballo de clubs e deportistas que vaian participar en competicións de ámbito nacional. Estas normas priorizan a seguridade e teñen como obxectivo facer posible que os deportistas locais poidan prepararse nas instalacións municipais para as citadas competicións. O reforzo das medidas preventivas para detectar síntomas compatibles coa Covid-19 antes de acceder ás instalacións deportivas; o das medidas hixiénicas xa incluídas nos protocolos en vigor; a redución das ocupacións máximas das instalacións para que a interacción persoal sexa mínima e a solicitude aos clubs da identificación das persoas con licencia nacional que participarán proximamente en competicións forman parte desas normas.
A finalidade do Padroado de Deportes é apostar polo “deporte seguro nas instalacións municipais, mantendo a forte aposta do Concello por promocionar a práctica deportiva e continuando sendo un referente na organización de competicións comarcais e autonómicas nos momentos máis complexos desta crise sanitaria, nos que tamén se cederon instalacións a deportistas procedentes doutros concellos.
|