Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA CO CLUB DE REMO NARÓN NA ORGANIZACIÓN DO "XXIII TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento co edil de Deportes, José Oreona e co presidente e tesoureiro do citado club, Martín Martínez e Borja Díaz, respectivamente
Narón, 25 de marzo de 2021. O Concello colabora co Club de Remo Narón no “XXIII Trofeo de Bateis Cidade de Narón”, que se disputará este sábado, día 27, na enseada da Gándara, a partir das 16.00 horas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento deportivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e o presidente e o tesoureiro do citado club local, Martín Martínez e Borja Díaz, respectivamente. O presidente do Club de Remo Narón avanzou que participarán nesta competición preto de cen tripulacións de trece clubes de remo galegos, procedentes ademais de Narón de Perillo, Cabo de Cruz, A Pobra, Cabanas, Ferrol, Celeiro, Muros, Cedeira, Rianxo, Mera, Ribeira, Ares e Mugardos. Dende o club local destacaron a implicación do Concello un ano máis neste evento, un dos que suman máis edicións a nivel autonómico, tal e como indicaron. Os deportistas competirán nas categorías de alevíns, infantís, cadetes, xuvenís e absolutos –masculinas e femininas- e realizarán percorridos de entre 500 e 2.000 metros pola enseada da Gándara. Dende a organización recordaron que se estableceu o protocolo oportuno para a celebración deste evento deportivo na cidade, seguindo a normativa de prevención da Covid-19 e con espazos debidamente sinalizados para uso restrinxido dos participantes, ao tempo que solicitaron a colaboración de todos os asistentes no cumprimento da mesma. A alcaldesa e o edil de Deportes de Narón felicitaron aos representantes do Club de Remo Narón por organizar esta convocatoria na cidade e tamén pola súa exemplar traxectoria deportiva.
www.naron.es