Novas
 
O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DA GÁNDARA ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA OS CAMPIONATOS NACIONAIS DE FASE AUTONÓMICA DE XIMNASIA RÍTMICA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron a convocatoria xunto con Izaskun Hernáez e Marta López, presidenta e adestradora respectivamente do Club Acordes Narón
Narón, 26 de maio de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá con Izaskun Hernáez, presidenta do Club Acordes Narón e Marta López, adestradora do citado club, o Campionato nacional fase autonómica, Campionato galego de clubes e o Campionato nacional fase autonómica individual de ximnasia rítimica. Estas citas deportivas terán lugar este sábado, dia 29 e o domingo 30, respectivamente, nas instalacións do Complexo polideportivo municipal da Gándara. Participarán nestas convocatorias, entre cuxos organizadores está o Concello naronés, deportistas de quince clubs procedentes de diferentes municipios galegos. As competicións son a porta pechada debido á situación sanitaria e celebraranse o sábado en horario de mañá e tarde, dende as 10.30 horas e o domingo só pola mañá, dende as 11.00 horas.
No que respecta á primeira das xornadas, o sábado, na modalidade de equipos as participantes defenderán varios aparatos no tapiz, sumando os puntos que reciban cada unha delas para obter o resultado final. Os catro equipos con mellor puntuación acudirán ao campionato de España. Tamén na xornada do sábado se disputará a modalidade de conxuntos, no que haberá cinco nenas sobre o tapiz e as dúas coa mellor puntuación participarán na Copa de España de Conxuntos.
En canto á xornada dominical, competirán no Campionato nacional da fase autonómica individual dende a categoría benxamín ata a sénior. “Por primeira vez en Galicia participarán en primeira categoría nenas e nenos –teñen que estar entre os tres primeiros de España para poder competir nesa categoría-“, avanzou Hernáez. Así mesmo, indicou que os cinco primeiros clasificados participarán no campionato individual de España, que se disputará o vindeiro mes de xullo.
Dende o club Acordes Narón haberá representación en todas as categorías, tanto para conxuntos como por equipos e no individual, segundo indicaron dende o mesmo.
A alcaldesa felicitou ao Club Acordes Narón polo traballo realizado para poder organizar na cidade estes eventos deportivos e tamén pola súa traxectoria deportiva. Así mesmo, xunto co edil de Deportes desexoulles moita sorte nos campionatos desta fin de semana aos participantes locais.



Últimas noticias
O CONCELLO PROGRAMA SESIÓNS DE IOGA E PILATES NO PARQUE DE FREIXEIRO E NO PASEO DE XUVIA OS MESES DE XULLO E AGOSTO
PRETO DUN CENTENAR DE PARTICIPANTES NA EXPERIENCIA MOTOTURISMO QUE SE CELEBRARÁ ESTA FIN DE SEMANA
A ALCALDESA ENTREGOU AO CLUB BALONMÁN NARÓN A COPA DE CAMPIÓNS DE LIGA DE SEGUNDA AUTONÓMICA
A ALCALDESA RECIBIU NO CONCELLO A SARA GUERRERO, CAMPIONA DE ESPAÑA DE ÉLITE DE DÚATLON
UN CENTENAR DE PILOTOS PARTICIPAN HOXE NA EXPERIENCIA MOTOTURISMO CON SECTORES EN NARÓN E NOUTROS SETE CONCELLOS DA COMARCA

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal