Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ENTREGOU AO CLUB BALONMÁN NARÓN A COPA DE CAMPIÓNS DE LIGA DE SEGUNDA AUTONÓMICA
Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, felicitaron onte persoalmente ao club polos éxitos acadados e o seu ascenso a Primeira división
Narón, 15 de xuño de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, participaron na noite de onte no acto de entrega ao Club Balonmán Narón da Copa que os acredita como campións de liga de Segunda autonómica masculina sénior e novo equipo da máxima categoría galega. O acto tivo lugar nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara ás 21.00 horas. No evento estiveron presentes Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán e integrantes da directiva e corpo técnico do citado club. Ferreiro e Oreona felicitáronos por quedar campións de liga e, en consecuencia, ascender a primeira división autonómica. Dende o club agradeceron o apoio do Concello ao longo do ano ao deporte en xeral e ao balonmán en particular. Finalmente a alcaldesa desexoulles moitos éxitos na tempada que comezarán o vindeiro mes de setembro en primeira división.
www.naron.es