Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA RECIBIU NO CONCELLO A SARA GUERRERO, CAMPIONA DE ESPAÑA DE ÉLITE DE DÚATLON
Marián Ferreiro estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, no acto, no que ambos destacaron a traxectoria deportiva da triatleta naronesa
Narón, 18 de xuño de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, recibiron hoxe no Concello á triatleta naronesa Sara Guerrero, campiona de España de Élite de Dúatlon. A deportista do Náutico de Narón logrou o título no campionato disputado en Avilés o pasado mes de abril e no que participaron 1.400 persoas nas diferentes modalidades. A competición na que a triatleta do Náutico de Narón acadou a primeira posición constaba de cinco quilómetros de carreira a pé, un segmento de ciclismo de 21 quilómetros a dúas voltas e outro final de carreira de 2,5 quilómetros. A alcaldesa entregoulle a Guerrero unha figura cunha placa e a triatleta, á súa vez, regaloulle unha fotografía tomada durante o campionato. Sara Guerrero contou a súa experiencia en Avilés e abordaron tamén outras experiencias deportivas de naronesa, cunha dilatada e exitosa traxectoria. Ferreiro asegurou que “é un orgullo que as naronesas e naroneses levedes o nome de Narón en todas as competicións nas que participades” e desexoulle “novos éxitos" na súa carreira deportiva, á que se referíu como "todo un exemplo para moita xente”.
www.naron.es