Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA E O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA INAUGURARON HOXE O CAMPO DE FÚTBOL DE HERBA ARTIFICIAL DE RÍO SECO
Marián Ferreiro e Valentín González descubriron a placa inaugurarl e realizaron o saque de honra previo ao inicio dos partidos que se xogarán hoxe
Narón, 24 de xuño de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, inauguraron esta mañá as instalacións do novo campo de fútbol de herba artificial de Río Seco. No acto estiveron tamén presentes a delegada de Deportes da Deputación, Cristina Capelán, o edil de Deportes de Narón, José Oreona e outros representantes da corporación local; o vicepresidente da Federación Galega de Fúrbol, Pablo Prieto, representantes da empresa que executou as obras e de clubs de fútbol locais. As novas instalacións supuxeron un investimento de 414.721 euros, cofinanciado con cargo ao POS+2019 da Deputación da Coruña. O campo de fútbol 11 ten unhas dimensións de 100 metros de longo por 63 de ancho e unha superficie útil de xogo de 97x60. O ancho de bandas tanto dos fondos como dos laterais é de 1,5 metros. As instalacións localízanse xunto ao campo de fútbol de herba natural de Río Seco e unha pista de atletismo de oito rúas, completando así os equipamentos deportivos desta zona da cidade. Ferreiro e González Formoso encargáronse de descubrir a placa inaugural ubicada no recinto para, a continuación, dirixirse aos asistentes. A alcaldesa da cidade agradeceu a asistencia de todos os presentes no acto e destacou o traballo realizado na área deportiva do Concello nos últimos anos, incidindo en que “eses primeiros pasos foron decisivos para que no actual mandato, dende as Concellerías de Obras e Deportes se continuasen proxectando importantes actuacións como a que hoxe inauguramos”. Destacando tamén a colaboración entre administracións, agradecendo particularmente a da Deputación da Coruña nesta ocasión, para ofrecer ás veciñas e veciños novos servizos, Ferreiro subliñou tamén a importancia de que as naronesas e naroneses “poidan desfrutar do fútbol dende este campo, donde celebraremos os éxitos dos clubs locais”. Finalmente recalcou que “investimos en deporte, investimos e futuro e así seguiremos facéndoo dende o Concello para que esta cidade e os clubs locais continúen sendo un referente dentro e fóra desta comarca”. A alcaldesa apuntou que se trata dun investimento de algo máis de 400.000 euros “que non vai vir só porque nos vindeiros meses destinaremos a instalacións deportivas municipais algo máis dun millón de euros. “Queremos que as naronesas e os naroneses teñan as mellores instalacións para que as desfruten e para levar o nome da cidade alá por donde vaian”, subliñou Ferreiro, recalcando que “invertimos e deporte e seguiremos facéndoo porque é bo para as nosas nenas e nenos, porque como se ve aquí temos canteira”. Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña agradeceu a Marián Ferreiro “a marabillosa acollida que sempre se nos deu en Narón” e destacou a implicación da administración provincial para financiar instalacións deportivas, asegurando que, como neste caso, “motívanos fomentar o deporte base e a cultura do deporte en xeral”. González Formoso indicou que se estudarán novas vías de colaboración co Concello nesta área “porque é así como se conseguen as cousas e non coa confrontación”. Os clubs con ficha federada da cidade, a Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, o CF Estrella, o Club Deportivo Narón e a Sociedade Deportiva O Val, participaron tamén no acto inaugural e recibiron de mans da alcaldesa e do presidente da Deputación unha placa conmemorativa do evento, que tamén Ferreiro lle entregou a González Formoso. Foron precisamente deportistas das diferentes categorías dos citados clubs de fútbol os que estrearon hoxe as instalacións tralo saque de honra realizado pola alcaldesa e o presidente da Deputación da Coruña. Os dous primeiros partidos disputados de xeito simultáneo no campo foron entre os prebenxamíns e benxamíns do Narón-O Freixo, para xogar a continuación o resto dos deportistas, ao longo da mañá e da tarde.
www.naron.es