Concello de Narón
Novas
AS SELECCIÓNS DE XAPÓN E ARXENTINA DISPUTARÁN NA CIDADE UN PARTIDO INTERNACIONAL DE FÚTBOL SALA PREVIO AO MUNDIAL DE LITUANIA 2021
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento co vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto
Narón, 13 de xullo de 2021. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá o vindeiro 24 de agosto un partido internacional de fútbol sala entre as seleccións de Arxentina e Xapón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron este mediodía o evento acompañados polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto. A cita terá lugar o vindeiro 24 de agosto, ás 20.30 horas, e presentarase oficialmente con representantes das citadas seleccións unha vez que cheguen á cidade, donde se informará sobre a capacidade máxima do recinto e os prezos das entradas. Ferreiro asegurou que é un orgullo poder organizar xunto coa Real Federación Galega de Fútbol un evento deportivo destas características na cidade. “Trátase dunha cita deportiva que xa está xerando unha gran expectación dentro e fóra da comarca e que nos permitirá seguir apostando e promocionando o deporte, neste caso concreto o fútbol sala”, destacou. A alcaldesa avanzou que “acolleremos de moi bo agrado a estas dúas seleccións na cidade e tamén a todas as persoas que queiran desfrutar do partido porque é a primeira ocasión na que unha selección campiona do mundo xoga na nosa cidade”. O vicepresidente da RFGF destacou a “capacidade organizativa e o apoio en xeral do Concello de Narón ao deporte” e incidiu en que na cidade “sentímonos como na casa”. O partido, explicou, é un dos compromisos de preparación de ambas seleccións antes de disputar o Mundial de Lituania 2021, que terá lugar en setembro e donde Arxentina tratará de revalidar a coroa mundial que obtivo en Colombia no ano 2016. Prieto indicou que a selección nacional de Xapón está dirixida polo técnico galego Bruno García, e será un dos rivais de España na fase previa no Mundial de Lituania xunto con Angola e Paraguay. O combinado asiático, ademais do partido ante Arxentina, realizará unha concentración en terras galegas, e onde coa colaboración do Concello de Narón utilizará as instalacións deportivas do Complexo deportivo da Gándara. O elenco que dirixe Bruno García tamén disputará, aproveitando a estancia en Galicia, dous partidos internacionais en Portugal. Pola súa banda, o vicepresidente da RFGF apuntou que a selección Arxentina está dirixida polo exxogador internacional Matías Lucuix (ex do Movistar Inter) e disputará, ademais do choque ante Xapón, outros compromisos en Andalucía e o País Vasco. O combinado albiceleste, e actual campión do Mundo, forma parte do Grupo F xunto a Irán, Serbia e Estados Unidos. A través desta cita deportiva que se desenvolverá en Narón afeccionados de toda Galicia poderán presenciar en directo á actual campiona do Mundo e ao equipo xaponés, toda unha referencia no panorama mundial preparada por Bruno García. Ademais, o concelleiro de Deportes asegurou que durante a súa estancia en Galicia, o conxunto nipón realizará, conxuntamente co Concello de Narón, diferentes accións de promoción do fútbol sala. Oreona destacou ademais que as dúas seleccións permanecerán varios días concentradas en Narón, preparando o mundial, no caso da de Xapón dende o 7 de agosto e a de Arxentina dende o 21. Dende a organización destacaron o traballo realizado para desenvolver este evento deportivo na cidade e animaron á cidadanía a desfrutar do mesmo o vindeiro mes de agosto.
www.naron.es