Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN DA GÁNDARA ACOLLERÁ A VINDEIRA SEMANA O "I TORNEO CONCELLO DE NARÓN" DE BALONCESTO FEMININO
O edil de Deportes, José Oreona, presentou o evento, que disputarán o Baxi Ferrol e o Ensino Lugo, xunto cos presidentes do Baxi Ferrol, Santiago Rey e do Baloncesto Narón, Miguel Piñeiros, e a secretaria deste último club, Luisa Gómez
Narón, 3 de setembro de 2021. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o presidente e a secretaria do Club Baloncesto Narón, Miguel Piñeiros e Luisa Gómez, respectivamente, presentaron esta mañá no Concello co presidente do Baxi Ferrol, Santiago Rey, o “I Torneo Concello de Narón" de baloncesto. O edil naronés explicou que se trata dun torneo de baloncesto feminino organizado polo Concello naronés, en colaboración co Club Baloncesto Narón, e que disputarán o Baxi Ferrol e o Ensino Lugo o vindeiro mércores, día 8, no pavillón polideportivo da Gándara. A cita deportiva, tal e como avanzou Oreona, dará comezo ás 20.00 horas, se ben as portas do recinto se abrirán a partir das 19.00 horas. O presidente do Baxi Ferrol agradeceu ao Concello e ao Club de Baloncesto Narón “que nos dean a oportunidade de poder disfrutar deste torneo, que esperamos que teña continuidade nos vindeiros anos”. Así mesmo, Galego destacou que se trata da primeira ocasión na que se enfrontan nesta tempada estes dous equipos. “No Baxi Ferrol estamos en plena preparación e gustaríanos que a xente acudise ao partido, donde poderá ver o nivel e os progresos que imos realizando”, apuntou Galego, destacando a importancia da promoción do deporte en xeral e do baloncesto en particular e tamén o importante número de abonados de Narón no Baxi Ferrol e de rapazas da cidade nas categorías base do citado club. Pola súa banda, o presidente do Club Baloncesto Narón indicou que as entradas para poder ver o partido poderanse adquirir o mesmo día do encontro, a partir das 16.00 horas, no Pavillón polideportivo da Gándara, a un prezo de 10 euros para os adultos e de 5 para os menores de 18 anos. “Estamos encantados de colaborar co Concello sempre e por suposto nesta ocasión, desexando que o do vindeiro mércores sexa o primeiro de moitos torneos de baloncesto feminino na cidade”. Finalmente o concelleiro de Deportes de Narón agradeceu a implicación do Baxi Ferrol e trasladou ao presidente do club as felicitacións polo recente ascenso “porque é un club da comarca e ese ascenso é un recoñecemento ao traballo que realizan ao longo de cada tempada”. Así mesmo, agradeceu o traballo e valorou a traxectoria do Club de Baloncesto Narón, amosando a súa confianza en que se poida formar tamén un equipo de baloncesto feminino na cidade.
www.naron.es