Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN MUNICIPAL CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O "XI CAMPIONATO DE TENIS DE MESA" PARA PERSOAS CON PROBLEMAS DE SAÚDE MENTAL
Unha trintena de deportistas de diferentes entidades galegas participarán neste evento, que se celebrará sen público, o vindeiro 8 de outubro
Narón, 28 de setembro de 2021. Os edís de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron esta mañá xunto con Félix Pena e Paula Díaz, presidente e terapeuta ocupacional respectivamente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, o “XI Campionato de Tenis de Mesa” para persoas con problemas de saúde mental. O evento, organizado con motivo do Día Mundial da Saúde Mental –baixo o lema: “A saúde mental: un dereito necesario. Mañá podes ser ti”- en colaboración coa Federación Saúde Mental Feafes Galicia, terá lugar o vindeiro venres 8 de outubro ás 10.00 horas –sen público- nas instalacións do pavillón municipal Campo da Serra. Neste campionato disputaranse partidos individuais nos que se enfrontarán unha trintena de participantes, estando previsto o remate sobre as 14.00 horas. “Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán cinco asociacións e delegacións de Saúde Mental Feafes Galicia procedentes de toda a comunidade autónoma”, indicaron dende Afaes. Participarán as entidades: Alba (Pontevedra), Andaina (Dodro e Ordes), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón). O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo, tal e como indicou Félix Pena, “promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo”. A través deste torneo, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade. As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores. O presidente do Club Narón de Tenis de Mesa asegurou que “para nós é un orgullo organizar estes campionatos, que alcanzan xa a súa cuarta edición consecutiva, porque a xente que se inicia nalgún deporte é a súa esencia, por riba da profesionalidade, e disfrutan practicándoo, o que é moi emocionante”. Pola súa banda, o presidente e a terapeuta ocupacional de Afaes agradeceron a colaboración do Concello de Narón para organizar este evento, o primeiro que convocan tralo inicio da pandemia pola covid-19. José Oreona e Catalina García agradeceron o traballo que realiza Afaes Porta Nova e tamén a disposición do Club Narón Tenis de Mesa por colaborar neste evento deportivo. Así mesmo, comprometeron o apoio do Consistorio a este tipo de iniciativas dirixidas ás usuarias e usuarios de asociacións vencelladas á saúde mental. Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal Naceu en 1995 impulsada por un grupo de persoas que decidiron formar una asociación para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental na área sanitaria de Ferrol, contando para iso coa colaboración de varios profesionais deste ámbito. Actualmente, conta con dous Centros de Rehabilitación Psicosocial (en Narón e en Cerdido), un Centro Ocupacional e varios pisos protexidos. Nestes dispositivos desenvólvense actividades que promoven a saúde e o benestar das persoas con problemas de saúde mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a integración dos usuarios no seu entorno e o apoio aos familiares e achegados mediante axuda mutua, xestión de recursos e soporte social. Saúde Mental FEAFES Galicia A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares. O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 12 asociacións que posúen centros e servizos en preto de 30 localidades galegas.
www.naron.es