Concello de Narón
Novas
UNS 200 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO "XX TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN. CAMPIONATO GALEGO DE LATINOS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento deportivo xunto co edil de Deportes, José Oreona, e Jesús Marcos, representante do Club Baile Deportivo Narón
Narón, 18 de novembro de 2021. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá o vindeiro domingo, día 21, a vixésima edición do Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón. Campionato Galego de Latinos. Uns 200 deportistas chegados de diferentes clubs galegos confirmaron a súa asistencia a esta convocatoria, presentada esta mañá pola alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, José Oreona, e Jesús Marcos, en representación do Club Baile Deportivo Narón. A rexedora local destacou o feito de que “despois de dous anos sen podelo convocar pola pandemia da covid-19 retomamos o Campionato galego de Latinos na nosa cidade, un dos eventos deportivos máis arraigados na nosa cidade, donde son moitas as veciñas e veciños que practican este deporte, ben como afeccionados ou a nivel profesional, neste último caso colleitando numerosos éxitos nas competicións nas que nos representan, o que é todo un orgullo para nós”. Un total de cinco xuíces, de Cataluña, Madrid e Portugal, serán os encargados de realizar as valoracións, dende as 12.30 ata aproximadamente as 20.00 horas. Antes do inicio do Campionato galego terá lugar unha exhibición de “breaking”, que é unha das especialidades da Federación Española de Baile que será olímpica en París 2024, tal e como explicou Jesús Marcos. O inicio do Campionato galego de Latinos está previsto para as 16.40 horas. O representante do Club de Baile Deportivo Narón agradeceu a “gran colaboración do Concello de Narón para poder levar a cabo un ano máis este evento deportivo”. Pola súa banda, a alcaldesa e o edil de Deportes felicitaron ao club naronés polo seu traballo e animaron ás veciñas e veciños de Narón a desfrutar esta fin de semana deste campionato na cidade.
www.naron.es