Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "I OBRADOIRO DE DEFENSA PERSOAL KAJUKENBO" ORGANIZADO POLO CONCELLO E O CLUB COMBAT NARÓN
O edil de Deportes, José Oreona, e o coordinador do evento, Víctor Vázquez, do Club Combat Narón, presentaron esta mañá o evento
Narón, 27 de abril de 2022. O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o instructor e cinto negro Víctor Vázquez presentaron esta mañá no Consistorio o “I Obradoiro de Defensa persoal Kajukenbo García´s Method” organizado polo Concello, en colaboración co Club Combat Narón e coordinado por Víctor Vázquez, cinto negro, Marga Núñez, cinco negro II Dan e Manuel Pérez, cinto negro III Dan. O edil naronés indicou que a cita, dirixida a homes e mulleres, terá lugar o vindeiro 7 de maio nas instalacións do Pavillón Campo da Serra (avenida Santa Icía, 27). Vázquez explicou que o kajukenbo é un sistema de defensa persoal procedente de Hawai, creado hai uns corenta anos por mestres de karate, judo, ju jitsu, kenpo e boxeo (de aí o seu nome). As persoas interesadas en acudir aprenderán unha serie de técnicas e conceptos básicos deste sistema de defensa persoal que, tal e como indicou, só se adestra na Coruña e en Narón, dentro da comunidade autónoma. “Aínda que é unha proposta mixta, que se adaptará ás idades dos participantes, está moi enfocada ás mulleres, que nalgúns casos acuden para saber actuar inicialmente ante posibles casos de violencia de xénero”, apuntou. O concelleiro de Deportes destacou a convocatoria deste evento deportivo na cidade, “que ofrece a posiblidade de recibir unha formación de balde que será moi útil para saber como actuar en determinadas ocasións, recibindo unhas pautas de profesionais na materia”. Para poder participar haberá que anotarse previamente, de balde, chamando por teléfono ata o día 4 de maio ao número 677 464 341. Víctor Vázquez, instructor do departamento de kajukenbo da Federación Galega de Boxeo, impartirá este obradoiro, que se desenvolverá de 11.00 a 13.00 horas. As persoas que acudan deberán levar roupa deportiva.
www.naron.es