Concello de Narón
Novas
CELEBRACIÓN DA XXIV GALA DO DEPORTE DO CONCELLO DE NARÓN
A deportista olímpica Iria Grandal, do Club Arco Narón, alzouse co galardón ó mellor deportista do ano.
Narón, 24 de novembro de 2012.- O Pazo da Cultura do Concello de Narón acolleu onte, coincidindo coa celebración do Día de Narón (23 de novembro) a XXIV Gala do Deporte de Narón, organizada polo Padroado de Deportes do Concello de Narón. O Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, entregou o galardón ó Mellor Deportista do Ano, que por terceira vez foi a parar a mans da arqueira Iria Grandal García, do Club Arco Narón. Os membros do xurado da Gala do Deporte elexiron a esta deportista, que pecha un ano brillante en cuanto a rendemento deportivo, coa súa participación nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Tanto o Alcalde coma a Concelleira de Deportes, Natalia Hermida, destacaron a enorme calidade deportiva desta edición da Gala do Deporte, na que tamén recibíu unha mención especial David Mouriz, pola participación nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012, sendo titular do equipo de baloncesto español e acadando un meritorio 5º posto. O Xurado elexíu como mellor club deportivo ó Padel Narón, campión galego absoluto por terceiro ano consecutivo, con tres xogadoras deste club que gañaron o campionato de España coa selección galega, e tres xogadores que obtiveron o 4º posto no mesmo campionato. Tamén recibiron mencións especiais Andrés Gómez (do Narón Balompé C.F., polo seu traballo, dedicación deportiva e humana ó longo de décadas en Narón)e Honorato Cipriano Muiño Novo -Abel- (do Club Cidade de Narón Fútbol Sala, polos mesmos méritos que o anterior). Ademáis, foron recoñecidos con mencións especiais Jesús Varela Rodríguez (adestrador do Club Baloncesto Narón, como mellor adestrador) , e Juan Domínguez Lamas (xogador do Deportivo da Coruña, pola súa traxectoria deportiva). A mención á mellor traxectoria deportiva foi para Samuel Pazo Cidoncha, do Club Afflelou Narón. E como mellor promesa, Sergio Trillo Valerio, da Federación Galega de Judo e campión de España Junior. Outras mencións foron para Lidia Mesía (xogadora do Club Burela Fútbol Sala Feminino, pola súa internacionalización), e Diego Rivas (do C.F. Elche, polo seu ascenso a 2ª división nacional de fútbol). Tamén foron entregados diplomas e trofeos ós mellores deportistas da especialidade e de base, das seguintes disciplinas deportivas: atletismo, automovilismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, colombofilia, esgrima antiga, fútbol, fútbol sala, golf, judo, kárate, motociclismo, natación, padel, piragüismo, rallye-slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, triatlón, voleibol, e ximnasia rítmica. A Gala do Deporte foi presentada, un ano máis, polo locutor Alfonso López. A parte lúdica correu a cargo da Escola de Bailes de Salón e do Club Acordes de ximnasia rítimica, que deleitaron ós presentes coas súas actuacións.
www.naron.es