Concello de Narón
Novas
O CIRCUITO DE RIO DO POZO ACOLLE A 1ª PROBA DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE RADIOCONTROL
Dispútase do 15 ó 17 de marzo, coa participación de máis de 60 pilotos.
Narón, 11 de Marzo de 2013.- A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, e o presidente do Club Radiocontrol (RC) Narón, Miguel Ortega, presentaron hoxe en rolda de prensa a 1ª proba do Campionato de España de Radiocontrol, que se celebrará no circuíto de Río do Pozo os días 15, 16 e 17 de marzo, con entrada libre. A edil de Deportes destacou a importancia de que, por vez primeira, Narón acolla unha proba deste nivel, algo que é posible grazas á mellora das instalacións do circuito no ano 2012, cando se construíron unha serie de boxes necesarios para disputar este tipo de competicións. Natalia Hermida felicitou ó Club RC Narón por ter acadado esta proba –só dispútanse catro probas no Campionato de España, entre elas a de Río do Pozo- e polo traballo que ven realizando ó longo destes anos este club, que actualmente supera os 50 socios. A maioría deles (sobre 35) son pilotos e compiten en diferentes categorías. Esta proba traerá a Narón a pilotos de toda España durante tres días, o que tamén suporá un revulsivo para a hostelería de Narón, algo tamén destacou a Concelleira de Deportes, Natalia Hermida. A inscrición mantense aberta durante o día de hoxe, e polo momento xa hai máis de 60 pilotos confirmados. O Club RC Narón agarda que se poida chegar ós 90 pilotos, cifra establecida coma tope para esta competición. O calendario da 1ª proba do Campionato de España de Radiocontrol distribúese así: -Venres 15 de marzo: entrenamentos. -Sábado 16 de marzo: probas clasificatorias. -Domingo 17 de marzo: finais. Entre os participantes, estarán Carlos Peracho (actual campión de España) e Francisco Bello (piloto do club RC Narón).
www.naron.es