Concello de Narón
Novas
PRESENTACIÓN DA FINAL DO VII CAMPIONATO GALEGO DE BALOMPÉ 'TODOS POLO FÚTBOL' ORGANIZADO POR AFAES PORTA NOVA
Dispútase o sábado 22 de xuño no Pavillón de A Gándara, coa participación de 9 equipos de asociacións de enfermos mentais de Galicia.
Narón, 17 de Xuño de 2013.- O Pavillón Polideportivo Municipal de A Gándara acollerá, o vindeiro sábado 22 de xuño a partires das 10:00 da mañá, a final do VII Campionato Galego de Balompé ‘Todos polo Fútbol’ que organiza a asociación AFAES Porta Nova en colaboración co Padroado de Deportes de Narón, e que hoxe foi presentada en rolda de prensa pola Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, e as terapeutas ocupacionais de AFAES, Paula Díaz e Sara Pérez. Está prevista a participación de equipos de 8 asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia. O campionato estenderase ó longo de toda a xornada, e disputaranse varios partidos ata a entrega de premios, prevista para as 18:00 horas. Trátase da segunda vez que AFAES celebra o Campionato Final de Liga de Fútbol Sala en Narón, xa que en 2009 celebrouse a primeira. O obxectivo deste evento é promover o deporte en igualdade, impulsar a práctica de deporte entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que padece este colectivo. En total, está previsto reunir no Pavillón de A Gándara a máis de 300 persoas, entre participantes e acompañantes. Dende o mes de marzo ata mediados de xuño, os 9 equipos que participan na liga enfrontáronse nunha serie de partidos, que agora conclúen nesta final, que se disputará seguindo o modelo dos play-off con encontros de 30 minutos de duración. En total participan nove combinados, procedentes de oito asociacións de toda Galicia: Apem (2 equipos, un de A Coruña e outro de Cambre), A Mariña (Burela e Ribadeo), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Morea (O Barco de Valdeorras), Porta Nova (Ferrol e Cerdido), Lar (Vilagarcía de Arousa) e Alba (Pontevedra). Esta última entidade foi a gañadora da edición anterior. Esta actividade ten como obxectivo amosar á sociedade a imaxe máis positiva do colectivo de persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos e o estigma social. A Asociación AFAES Porta Nova atende actualmente a 74 usuarios/as pertencentes á área sanitaria de Ferrol, e ás súas familias, repartidos nos seguintes servizos: -53 usuarios/as no Centro de Rehabilitación. -10 usuarios/as no Centro Ocupacional. -11 usuarios/as en pisos supervisados. Actualmente, AFAES conta con dous centros de rehabilitación psicosocial en Narón e Cerdido, e un centro ocupacional en Narón (con lavandería, brigadas de xardinería, etc..)
www.naron.es