Concello de Narón
Novas
A SELECCIÓN DE FUTSAL DE VIETNAM VIAXARÁ A NARÓN CON 17 XOGADORES PARA PREPARAR A SÚA PARTICIPACIÓN NO CAMPIONATO INTERNACIONAL DE FÚTBOL DE ASIA
Estará na cidade do 9 ó 21 de abril, adestrando e xogando partidos contra equipos de fútbol sala galegos.
Narón, 7 de Febreiro de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Deportes, Natalia Hermida, xunto co Presidente do Club Cidade de Narón de Fútbol Sala, Ramón Padín, e o Seleccionador Nacional Absoluto de Fútbol Sala de Vietnam, Bruno García, presentaron hoxe en rolda de prensa a preparación deportiva que realizará en Narón a Selección Vietnamita de Fútbol Sala. Estiveron acompañados polo xerente do Padroado de Deportes de Narón, Rafael Flores, e polo director técnico do Cidade de Narón de Fútbol Sala, Tomás Llao. Os 17 xogadores e o corpo técnico residirán en Narón do 9 ó 21 de abril, onde prepararán a súa participación no Campionato Internacional de Fútbol Sala de Asia “Futsal Championship Vietnam 2014”, que se disputará do 30 de abril ó 10 de maio de 2014 nese país. Durante a súa estancia de 12 días en Narón os xogadores adestrarán no pavillón polideportivo de A Gándara, e disputarán un total de 6 partidos: -Días 11 e 12 de abril: Torneo de Futbol Sala ‘Cidade de Narón’ -Día 14 de abril: Selección Nacional de Vietnam-Santiago Futsal -Día 15 de abril: Selección Nacional de Vietnam-Burela Futbol Sala -Día 18 de abril: Selección Nacional de Vietnam-Parrulo Fútbol Sala -Día 20 de abril: Selección Nacional de Vietnam-Cidade de Narón Futsal O Seleccionador Nacional de Vietnam, que é orixinario de Narón, agradeceu ó Concello de Narón as facilidades que se teñen posto para que a preparación deportiva do seu equipo poda realizarse na súa terra. “Dábanse tódalas circunstancias para que fixésemos a nosa preparación aquí, e por iso aceptamos encantados. Ademáis, xogámonos moito con este campionato internacional porque Vietnam leva catro anos apostando forte polo Fútbol Sala e actualmente estamos de 14º no ranking de Asia. Fáltanos moito traballo por facer, pero este ano temos creado a primeira liga profesional de futsal e queremos pelexar por un posto para o Campionato Mundial, en 2017” declarou. Coa chegada da Selección Nacional de Fútbol Sala de Vietnam, o club Cidade de Narón Futsal achegará unha vez máis o deporte de élite á comarca. Con anterioridade, Narón acolleu outros clubes como o Dínamo de Moscú –que foi campión de Europa de Futsal- ou as seleccións nacionais de fútbol sala de España, Guatemala e Tailandia.
www.naron.es