Concello de Narón
Novas
RECEPCIÓN Á SELECCIÓN NACIONAL DE FÚTBOL SALA DE VIETNAM, QUE PARTICIPARÁ NO VII TROFEO CIDADE DE NARÓN DE FUTSAL
O conxunto vietnamita desprázase con 24 persoas, entre xogadores e corpo técnico. Estarán en Narón ata o día 21 de abril, preparando a pretemporada.
Narón, 10 de Abril de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Deportes, Natalia Hermida, ofreceron hoxe unha recepción institucional á plantilla e corpo técnico da Selección Nacional de Fútbol de Vietnam, integrada por 24 persoas. Tamén participou unha representación da Corporación Municipal, integrada por Catalina García (PSOE), Teresa Sabio (BNG) e Miguel de Santiago (PP). O equipo vietnamita estará en Narón ata o vindeiro 21 de abril, para preparar o Campionato Internacional de Fútbol Sala de Asia “Futsal Championship Vietnam 2014”, que se disputará do 30 de abril ó 10 de maio de 2014 nese país. Ademáis, aproveitarán a súa estancia para xogar diversos partidos, entre eles o VII Trofeo Cidade de Narón de Fútbol Sala, os días 11 e 12 de abril no Pavillón Municipal de A Gándara. A Selección Nacional de Vietnam disputará este cuadrangular xunto con O Parrulo, O Esteo de As Pontes e o Cidade de Narón. Posteriormente, o día 14 de abril xogará contra o Santiago Futsal, o día 15 de abril contra o Burela Futbol Sala, o día 18 de abril contra o Parrulo Fútbol Sala, e finalmente o día 20 de abril pechará o ciclo enfrentándose ó Cidade de Narón Futsal. Na recepción de hoxe no Concello estivo presente toda a delegación de Vietnam, que suma 17 xogadores e 7 membros do corpo técnico. Entre estes últimos destacan Bruno José García Formoso (Seleccionador), Huynh Tan Quoc (axudante do Seleccionador), Tran Anh Tu (Delegado da Selección) e Nguyen Bao Quan (Capitán da Selección). O Seleccionador Nacional de Vietnam, que é orixinario de Narón, agradeceu ó Concello de Narón a súa hospitalidade e asegurou que “vimos ilusionados por aprender do futbol sala español, e con gañas de chegar ó máximo nivel posible, especialmente este ano que imos organizar a Copa de Asia de Fútbol Sala” declarou Bruno García. O Delegado da Selección Nacional tamén agradeceu ó Concello a acollida e o recibimento, logo dunha longa viaxe dende Vietnam. “O equipo está cansado, pero agradece a hospitalidade. Vimos a Narón coa intención de adquirir novas aprendizaxes en España, porque este país ten o mellor fútbol sala do mundo” asegurou Tran Anh Tu. Pola súa banda, o presidente do Cidade de Narón de Futsal, Ramón Padín, desexoulles moita sorte e ofreceulles todo o que precisen para a súa estancia no municipio. O Alcalde de Narón concluíu o acto desexándolles “que disfrutedes destos días aquí, e lembrade que en Narón tedes a vosa casa” sinalou José Manuel Blanco. Tras os discursos, houbo un intercambio de obsequios, no que a Selección de Vietnam agasallou ó Concello cun cadro cunha paisaxe dun lago, realizado con nácar e esmalte. Por parte do Concello, entregouse a cada membro da selección unha maleta de cabina, para facilitarlles o transporte dos souvenirs ou outros enseres que necesiten durante a súa estadía en Narón.
www.naron.es