Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 700 PERSOAS ESTÁN XA INSCRITAS NO EVENTO "21 LEGUAS, OS 101 QUILÓMETROS DE NARÓN" ORGANIZADO POLO CONCELLO
O edil de Deportes, José Oreona, recordou que o prazo de inscrición neste evento deportivo, pioneiro na comarca, continúa aberto
Narón, 27 de maio de 2022. O Concello de Narón perfila os últimos detalles do evento “21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón”, organizado en colaboración co Club deportivo 21 Leguas e contando co respaldo da Armada Española. O edil de Deportes, José Oreona, destacou que na actualidade xa se inscribiron máis de 700 persoas nesta proba, que terá lugar os días 8 e 9 de outubro cun percorrido que discurrirá polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño. “Estamos moi satisfeitos coa excelente acollida que está tendo esta iniciativa, que organizamos por primeira vez na cidade, a nivel comarcal, e que consta dun percorrido de 101 quilómetros que se poderán realizar como marchador ou en bicicleta de montaña nun tempo máximo de 24 horas e con saída e meta no paseo marítimo de Xuvia”, recordou Oreona. Dende o Club Deportivo 21 Leguas o seu presidente, Óscar Somorrostro destacou que “do total de inscritos, aproximadamente medio centenar son mulleres, algo que lle dará un carácter moi especial e que para a organización é todo un orgullo o feito de que resulte unha proba atractiva para homes e mulleres de todas as idades”. O edil naronés e o representante do club 21 Leguas agradeceron a colaboración da Armada “que nos permitiu que o percorrido trazado discurra en parte polas súas instalacións, privadas, e que representará unha oportunidade única para coñecer unha parte moi importante do patrimonio de Ferrol, neste caso o militar”. A maiores, indicaron, “tamén nos prestará apoio loxístico, polo que nos facilitará considerablemente o desenvolvemento desta proba”. Ademais do patrimonio da Armada, os participantes neste evento deportivo tamén poderán coñecer de preto parte da riqueza natural e patrimonial dos concellos de Narón e Valdoviño, este último tamén colaborador xunto cos de Ferrol, Neda e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. O percorrido terá tres partes diferenciadas, unha urbana que sae polo tramo do Camiño de Santiago e inclúe o patrimonio militar e industrial, polo Arsenal, Armada, Navantia e o Porto de Ferrol; a segunda zona é a máis ampla, pola Costa Ártabra, unha paraxe espectacular pola zona costeira e a terceira polo concello de Valdoviño, pasando polo de Neda ata o de Narón por Xuvia, unha zona máis agreste, de monte e río propia do entorno e, segundo a organización, a de maior complexidade. Destacan tamén os máis de 40 quilómetros de costa e acantilados, representando este evento unha oportunidade única para descubrir zonas que non son de libre acceso para civís, como o Arsenal Militar ou o astaleiro de Navantia. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata o 31 de xullo a través da web: www.21Leguas.es nas seguintes modalidades: Marcha individual (FFCCSS), Marcha por equipos, MT B individual (FFCCSS), MTB parellas e MTB equipos.
www.naron.es