Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E AFFINOR ORGANIZAN UNHA XORNADA DE TAI-CHI NO PARQUE DE FREIXEIRO
A convocatoria terá lugar o 18 de xuño e diríxese a un máximo de quince persoas, tal e como indicaron dende a organización
Narón, 13 de xuño de 2022. Os edís de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron esta mañá xunto con Elena López, presidenta da Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor), unha actividade de tai-chi que se levará a cabo este sábado, día 18 ás 11.00 horas no parque de Freixeiro. A iniciativa enmárcase dentro do programa que conxuntamente se deseñou dende o Concello e Affinor para o primeiro semestre deste ano, tal e como recordou García. Oreona explicou que é unha actividade de unha hora e media de duración dirixida a persoas diagnosticadas de fibromialxia e fatiga crónica, aínda que no caso de non cubrirse as quince prazas ofertadas poderá acudir calquera persoa maior de idade. Aquelas interesadas en anotarse deben chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1316) e facilitar o seu nome e un teléfono de contacto. “Pretendemos fomentar un dos piares desta enfermidade que é a realización de exercicio físico adaptado e consideramos que é moi importante que dende o Concello se fomenten este tipo de hábitos no colectivo e tamén entre outras persoas”, asegurou López. Os edís naroneses animaron á cidadanía a anotarse, de balde, nesta actividade, e amosaron a súa confianza en que teña unha boa acollida.
www.naron.es