Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ASISTIR Á ANDAINA DESTE DOMINGO POLA RUTA DOS MUÍÑOS
O concelleiro de Deportes, José Oreona, recordou que as inscricións deben realizarse nas oficinas do Padroado de Deportes
Narón, 20 de xuño de 2022. As persoas que desexen asistir á terceira e última andaina desta tempada do programa municipal “Ponte en ruta con nós” poden anotarse ata mañá, incluído, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, José Oreona. O percorrido a realizar na convocatoria, do 26 de xuño será polos muíños da marxe do río Xuvia, con saída dende o mosteiro do Couto ás 9.30 horas cara á área recreativa de Pedroso. O prezo para poder asistir e de 5 euros, debendo cubrir as instancias nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara (estrada da Gándara, 148), en horario de mañá, de 8.30 a 13.00 horas. Os muíños de As Aceas e Xuvia son dous dos reclamos desta particular ruta, que discurre por paisaxes de gran beleza natural que permiten desfrutar da contorna e na que os camiñantes tamén poderán ver outras construcións de gran valor histórico e cultural. Unha vez no punto de remate da ruta, en Pedroso, os participantes serán trasladados en autobús ata o mosteiro do Couto. O Padroado de Deportes de Narón retomou este ano o tradicional programa de andainas, que está limitado a un máximo de 150 persoas. Oreona animou á veciñanza a anotarse nesta andaina e avanzou que “xa estamos traballando coa vista posta no último cuadrimestre do ano, para poder convocar unha nova edición deste programa que tan excelente acollida ten entre as nosas veciñas e veciños”.
www.naron.es