Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS DE COLABORACIÓN CO CLUB TENIS DE MESA NARÓN E A AD NÁUTICO DE NARÓN POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 41.000 EUROS
Os acordos rubricados por Ferreiro permitirán continuar fomentando a práctica destes deportes na cidade
Narón, 7 de xullo de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou esta mañá os convenios de colaboración co presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, e o da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero. No transcurso do acto a rexedora local, que estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, felicitou aos representantes de ambos clubs locais polo traballo que realizan ao longo do ano e pola súa contribución á promoción do deporte na cidade. O Concello destinará unha partida conxunta de 41.000 euros aos citados convenios. O acordo co Club Tenis de Mesa Narón permitirá á entidade utilizar as instalacións que emprega habitualmente no local social da Solaina, podendo solicitar outras á área de Deportes para determinados eventos, e potenciará a práctica do tenis de mesa dende as categorías base ata a senior. A entidade comprométese ademais a colaborar en eventos organizados polo Concello no ámbito deportivo. Pola súa banda, a AD Náutico de Narón, con cargo ao acordo rubricado hoxe fomentará a práctica da natación, e triatlón, tamén dende as categorías base ata as senior, e da natación sincronizada dende pre-alevín ata junior, promocionando na cidade actividades vencelladas con estas tres especialidades, tal e como figura no documento.
www.naron.es