Concello de Narón
Novas
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NO EVENTO "21 LEGUAS, OS 101 QUILÓMETROS DE NARÓN"
As persoas interesadas en participar poden anotarse ata o 31 de xullo a través da páxina web: www.21Leguas.es
Narón, 27 de xullo de 2022. O vindeiro domingo, día 31, rematará o prazo para inscribirse nas “21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón”, un evento organizado polo Concello de Narón en colaboración co Club Deportivo 21 Leguas, a Armada Española, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e varias empresas. A día de hoxe máis de 900 persoas están inscritas nesta convocatoria, que terá lugar os días 8 e 9 de outubro e cuxo percorrido discurrirá polos concellos de Narón, Neda, Ferrol e Valdoviño. Os 101 quilómetros de que consta a proba poderanse realizar como marchador ou en bicicleta de montaña nun tempo máximo de 24 horas e con saída e meta no paseo marítimo de Xuvia. O percorrido consta de tres partes diferenciadas: a primeira delas é pola zona urbana, a través do tramo do Camiño Inglés a Compostela e que inclúe o patrimonio militar e industrial, polo Arsenal, Armada, Navantia e o Porto de Ferrol; a segunda zona é a máis ampla, pola zona litoral da Costa Ártabra, e a terceira é polo termo municipal de Valdoviño, pasando polo de Neda ata o de Narón ata Xuvia, unha zona máis agreste, de monte e río e a calificada como de maior complexidade. As persoas que desexen participar poden anotarse ata o domingo a través da web www.21Leguas.es nas seguintes modalidades: Marcha individual (FFCCSS), Marcha por equipos, MT B individual (FFCCSS), MTB parellas e MTB equipos.
www.naron.es