Concello de Narón
Novas
A CIDADE ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA A QUINTA EDICIÓN DO CAMPIONATO GALEGO DE MUS
O edil de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado por José Martínez, David Díaz e Manuel Lorenzo, representantes da asociación Mus Narón (Musnar)
Narón, 21 de setembro de 2022. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá no Concello a quinta edición do Campionato Galego de Mus, que se celebrará na cidade esta fin de semana, os días 24 e 25. O presidente da Asociación Mus Narón (Musnar), José Martínez, o vicepresidente e un vogal da entidade, David Díaz e Manuel Lorenzo, respectivamente, avanzaron os horarios da proba, que conta coa colaboración da Federación Galega de Mus. Un total de 140 parellas participarán neste evento, a maioría procedentes de localidades galegas pero tamén de Asturias, Madrid e Barcelona, tal e como indicaron dende Musnar. Así mesmo, confirmaron a asistencia ao evento dos actuais campións galegos desta disciplina. “Os gañadores deste campionato obterán unha praza master para competir no campionato de España, que se celebrará o vindeiro mes de novembro en Pamplona”, indicaron dende Musnar. O restaurante La Colmena, en Narón, acollerá o evento, que dará comezo o sábado 24 ás 10.15 horas e ata as 14.05 en horario de mañá para retomalo nesa mesma xornada de 16.00 a 02.05 horas. A programación continuará o domingo, cos cuartos a partir das 10.00, as semifinais ás 11.15, a final 3º e 4º ás 12.30 e a gran final ás 12.45, para rematar o campionato ás 13.35 horas e proceder á entrega de premios sobre as 14.00 horas. Oreona recordou que é a primeira ocasión que se celebra na cidade o Campionato galego de mus e destacou o traballo da asociación Musnar, agradecento xunto coa entidade a confianza da Federación Galega de Mus. As persoas interesadas en contactar cos responsables de Musnar para coñecer máis polo miúdo o traballo que realizarán ao longo do ano –a asociación constituíuse hai cinco meses- poden contactar cos seus responsables a través do teléfono 649 325 359 (David).
www.naron.es