Concello de Narón
Novas
A PISCINA MUNICIPAL DA GÁNDARA REABRIRÁ MAÑÁ Á CIDADANÍA TRAS RENOVAR A ZONA DA PRAIA E COINCIDINDO CO INICIO DAS ESCOLAS DEPORTIVAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, desprazáronse hoxe ás instalacións
Narón, 30 de setembro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, desprazáronse esta mañá ao complexo polideportivo municipal da Gándara para ver os traballos realizados de mellora da praia da piscina municipal. Ferreiro recordou que se destinou un investimento de algo máis de 42.000 euros para proceder a renovar toda a praia, unha completa intervención que incluíu o cambio de desaugues e que ofrecerá maior seguridade no chan. Así mesmo, indicou, a actuación contemplou a maiores a renovación da praia da piscina terapéutica, en materiais de similares características. “Os traballos acometéronse aproveitando o período de peche das instalacións, que é cando se fan este tipo de intervencións que requiren un tempo de execución máis prolongado, e nas que tratamos de ocasionar as mínimas molestias posibles ás usuarias e usuarios das instalacións”, destacou Ferreiro. A alcaldesa recordou que a piscina reabrirá mañá de novo ao público ás 8.30 horas, no seu horario habitual e tamén se iniciará a actividade nas Escolas Deportivas Municipais. Ferreiro avanzou tamén que na actualidade están en fase de licitación os traballos de mellora de accesibilidade do complexo polideportivo da Gándara, orzamentados en 151.000 euros. “Con cargo a esta partida, instalaranse pasamáns, franxas de pavimento visual e táctil en determinados tramos, colocaranse tamén un ascensor accesible, barreiras de protección, dispositivos de chamada de asistencia nos aseos, reformaranse os aseos para dotalos de plena accesibilidade, colocaranse pictogramas…” explicou a alcaldesa. A rexedora local incidiu en que “continuamos avanzando en materia de accesibilidade en todos os edificios públicos municipais e precisamente o complexo polideportivo municipal da Gándara, é un dos que máis requerían deste investimento para mellorar a seguridade e a accesibilidade, polas súas propias características e tamén pola elevada afluencia de persoas ao longo do ano”.
www.naron.es