Concello de Narón
Novas
PRETO DUN CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "XVII TROFEO DE TIRO CON ARCO CIDADE DE NARÓN"
A convocatoria figura no calendario oficial da Federación Galega de Tiro con Arco, é unha proba puntuable para o ránking galego e para formar o equipo autonómico nos vindeiros campionatos de España da especialidade.
Narón, 16 de novembro de 2022. Un total de 96 persoas procedentes de 17 clubes de toda Galicia inscribíronse para participar no “XVII Trofeo de Tiro con arco Cidade de Narón”. O concelleiro de Deportes, José Oreona, o vicepresidente do Club Arco Narón, Anxo Grandal, e o tesoureiro da citada entidade deportiva, Víctor Matesanz, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o sábado 19 de novembro nas instalacións do pavillón polideportivo Campo da Serra a partir das 9.00 horas. Á cita está prevista a asistencia de recoñecidos arqueiros como Miguel Alvariño, subcampeón na Copa do Mundo e 4º posto no ranking mundial, e Laura Matesanz, campiona galega incluida pola Federación Española de Tiro con arco no Plan de alto rendemento. O concelleiro de Deportes recordou que esta convocatoria, que figura no calendario oficial da Federación Galega de Tiro con Arco, é unha proba puntuable para o ránking galego e para formar o equipo autonómico nos vindeiros campionatos de España da especialidade. O vicepresidente do Club Arco Narón explicou que en horario de mañá, a partir das 9.00 horas, será a competición das categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, así como unha nova categoría, a Novel, creada pola entidade e formada con participantes das Escolas Deportivas e que inician nesta edición a actividade de competición. As competicións de Cadete-Junior, Sénior e Veterán se poderán ver en horario de tarde, a partir das 14.30 horas, se ben previamente procederase a rematar as pertinentes tandas de adestramento. Os participantes dispararán no round clasificatorio dúas series de trinta frechas en tandas de tres, tal e como figura nas bases da convocatoria. Os representantes do Club Arco Narón, que conta con preto de 90 licencias, agradeceron a colaboración do Concello para organizar un ano máis este trofeo na cidade. Pola súa banda, o edil de Deportes animou á cidadanía a asistir a este evento, no que xogarán menores e adultos cun destacado nivel nesta práctica deportiva.
www.naron.es