Concello de Narón
Novas
MÁIS DUN CENTENAR DE DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXIX TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN"
A convocatoria celebrarase este sábado na piscina do complexo polideportivo da Gándara, tal e como avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 13 de decembro de 2022. A piscina do complexo Polideportivo municipal da Gándara acollerá este sábado, día 17, a vixésimo novena edición do “Trofeo de Natación Cidade de Narón” e a décimo novena do “Memorial Javier Lago”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron o evento acompañados polo presidente e a adestradora da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero e Arantza Rivas. Un total de 150 nadadores pertencentes a nove clubs da comunidade participarán neste evento deportivo. Guerrero explicou que os deportistas proceden dos clubs de natación de Cedeira, Ferrol, Marín, Arteixo, Xove, Culleredo, a Agrupación Deportiva Fogar (Carballo-Oleiros) e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón. A competición dará comezo ás 17.30 horas, con entrada de balde, e está incluída no calendario da Federación Galega de Natación. En canto ao “XIX Memorial Javier Lago”, dende o club local indicaron que se premiará un ano máis á mellor marca a nivel individual. A alcaldesa e o edil de Deportes felicitaron á AD Náutico de Narón polo traballo realizado para organizar esta convocatoria e desexaron os maiores éxitos aos deportistas locais neste torneo e na presente tempada.
www.naron.es