Concello de Narón
Novas
O "XIII TORNEO DE VOLEIBOL CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTE SÁBADO NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA A UNS 300 PARTICIPANTES
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento deportivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e a presidenta do Club de Voleibol Narón Volea, Eva Romero
Narón, 14 de decembro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, José Oreona, e a presidenta do Club de Voleibol Narón Volea, Eva Romero, presentaron esta mañá o “XIII Torneo de Voleibol Cidade de Narón”. A cita terá lugar, tal e como avanzou Ferreiro, este sábado día 17 no pavillón Campo da Serra, dando comezo os partidos ás 10.00 horas e estando prevista a entrega de trofeos para as 19.00 horas. Preto de 300 nenas e nenos das categorías de Prebenxamín a Infantil procedentes dos clubs de voleibol Narón Volea, Calasancias, Emevé, San Ciprián, Oleiros e Xiria participarán neste torneo, organizado polo Concello en colaboración co Club de Voleibol Narón Volea e a Deputación da Coruña. Dende o Concello e o club local animaron ás veciñas e veciños da cidade a achegarse o sábado ao pavillón Campo da Serra para animar ás nenas e nenos que xogarán os diferentes partidos. A entrada ao evento é de balde.
www.naron.es